A célula de 12 jihadistas preparaba varios atentados en Catalunya

Gabinete de Crise. Imaxe: Interior

O número de persoas falecidas nos ataques de Barcelona e Cambrils ascende a 14. Os Mossos traballan coa hipótese de que os atentados se preparaban na vivenda de Alcanar que estoupou, o que obrigou a célula jihadista a actuar á "desesperada" ao perder o material co que preparaban os ataques con explosivos.

A célula de 12 jihadistas, todos moi novos, de entre 17 e 34 anos, preparaba unha cadea de atentados con explosivos por Catalunya. A preparación facíana desde un chalet abandonado de Alcanar, até que un estoupido accidental a pasada cuarta feira botou polo chan este plan: atentar con furnoetas cheas de material explosivo en diferentes partes de Catalunya.  Os Mossos acreditan que ao se frustrar este plan coa explosición na vivenda  decidiron actuar á desesperada, de aí os ataques de Barcelona e posteriormente Cambrils. 

 

Os Mossos tratan de determinar a identidade do conductor da furgoneta que protagonizou o atropelo masivo nas Rambles.  Moussa Oukabir, de 17 anos, era o principal sospeitoso. Porén, os Mossos recoñecen que esa hipótese perdeu peso co paso das horas mentres que cobra forza que fose Younes Abouyaaqoub

 

Hai catro persoas detidas en relación a estes ataques terroristas e o número de mortos nestes dous ataques elévase a 14. 

 

 

 

Solidariedade desde Galiza

 

Autoridades e políticos galegos trasladaron a súa solidariedade para co pobo catalán a raíz do atentado terrorista. O presidente da Xunta e do PPdeG enviou unha mensaxe de "solidariedade para coas vítimas de Barcelona e o meu apoio e confianza nas administracións que traballan neste duro momento". Os socialistas galegos expresaron "o noso apoio ás familias e parentes das vítimas e aos que loitan contra o terror". En Marea quixo amosar o seu "apoio e solidariedade" co pobo de Barcelona "neste momento de dor e incerteza".

 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, enviou todo "apoio e solidariedade" de Galiza ao pobo catalán e afirmou estar "conmocionada polo acontecido en Barcelona. Toda a solidariedade coas vítimas e co pobo catalán nun momento tan duro".

 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega: "Toda a miña solidariedade dende Compostela coa cidade irmá de Barcelona e a súa xente,vítimas dos embaixadores do medo nun mundo inxusto"