Ataque terrorista na Rambla de Barcelona

No mínimo 12 vítimas mortais e máis de 80 persoas feridas, 15 delas en estado moi grave. Unha furgoneta atropelou deliberadamente ducias de persoas na Rambla de Barcelona. A Policía confirmou a morte nun tiroteo dun dos sospeitosos fuxidos e hai outras dúas persoas detidas. DAESH reivindica o atentado. 

Unha furgoneta atropelou na tarde desta quinta feira de maneria deliberada varias persoas na Rambla de Barcelona. A Policía confirma que foi un ataque terrorista e a Audiencia Nacional xa abriu dilixencias. Hai no mínimo 12 persoas falecidas e por volta de80 feridas, 15 delas moi graves, segundo confirmou a Consellería de Interior. Os taxistas están a facer viaxes de balde a quen o precisar pois transporte público non pode circular pola zona.

 

Urxencias habilita un número para quen precise información sobre o ataque : +34 932 14 21 24

 

Os Mossos d'Esquadra desmentiron que un dos supostos autores do atropelo estivese atrincheirado nun bar de Barcelona, como se mantivo durante a primeira parte da tarde. Hai unha persoa falecida nun intercambio de tiros en Sant Just Desvern coa Policía ao se saltar un control policial. Esta persoa sería un dos sospeitosos fuxidos. Hai outras dúas sospeitosas detidas.

 

O DAESH reivinciou o atentado terrorista en Barcelona a través dun comunicado na axencia AMAQ.

 

Solidariedade desde Galiza

 

Autoridades e políticos galegos trasladaron a sía solidariedade para co pobo catalán a raíz do atentado terrorista. O presidente da Xunta e do PPdeG enviou unha mensaxe de "solidariedade para coas vítimas de Barcelona e o meu apoio e confianza nas administracións que traballan neste duro momento". Os socialistas galegos expresaron "o noso apoio ás familias e parentes das vítimas e aos que loitan contra o terror". En Marea quixo amosar o seu "apoio e solidariedade" co pobo de Barcelona "neste momento de dor e incerteza". 

 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, enviou todo "apoio e solidariedade" de Galiza ao pobo catalán e afirmou estar "conmocionada polo acontecido en Barcelona. Toda a solidariedade coas vítimas e co pobo catalán nun momento tan duro".

 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega: "Toda a miña solidariedade dende Compostela coa cidade irmá de Barcelona e a súa xente,vítimas dos embaixadores do medo nun mundo inxusto"

 

 

 

En ampliación