O Barbanza sae á rúa contra os recortes na Primaria: "Os tempos que están por vir serán peores que os actuais"

Mobilización desta quinta feira contra os recortes na Atención Primaria. (Foto: Nós Diario)
A metade do persoal médico ten máis de 55 anos, e até 25% supera os 65 anos.

Centos de persoas marcharon na tarde desta quinta feira polas rúas de Ribeira, convocadas pola Plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza e mais SOS Sanidade Pública, para denunciar a situación "cada vez máis precaria" na que, aseguran, se atopan actualmente os centros sanitarios da comarca.

Ao remate desta concorrida mobilización deuse lectura a un manifesto que aseguraba que hoxe é frecuente "ter problemas para cubrir prazas de calquera especialidade médica e de enfermaría".

Neste senso, salientaron que, na actualidade, a metade das e dos facultativos colexiados teñen máis de 55 anos, e mesmo un de cada catro (24,5%) supera os 65 anos. "Os tempos que están por vir espéranse peores que os actuais", advertiron.

"Nesta situación o Sergas continúa facendo contratos que convidan a marchar as profesionais, tanto á sanidade privada como á pública noutras comunidades ou países", criticaron.

De feito, a falta de profesionais na Atención Primaria ten como consecuencia directa que "cada vez sexa menos apetecíbel acceder a converterse en médica de familia", apuntaron, por mor da "sobrecarga de traballo" á que se ven sometidas en ambulatorios como os de Ribeira ou Rianxo.

"Quedan moi lonxe os tempos en que Medicina de Familia era unha especialidade que se collía tanto nos primeiros números como nos últimos. Agora queda sempre para os últimos números, porque as novas médicas non queren embarcar nese barco en chamas que é a Atención Primaria actual", advertiron desde a plataforma.

Así, reclamaron a fin do "desmantelamento" dos centros de saúde de Cabo de Cruz, Taragoña, Xuño e Palmeira, así como unha atención hospitalaria "de calidade e que adecúe os cadros de persoal ás cargas de traballo e recupere os procesos asistenciais eliminados" no comarcal do Barbanza.