Un banqueiro venezolano xulgado por corrupción pagou o barco do rei emérito

O rei emérito, Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón'. (Foto: Europa Press)

Juan Carlos de Borbón está de novo en Sanxenxo. O rei emérito español chegou onte desde Abu Dabi á vila do Salnés para participar nas regatas de vela da fin de semana. O pai de Felipe VI volverá navegar, máis unha vez, como patrón do Bribón pola ría de Arousa.

O Bribón XVII é a actual embarcación do rei emérito. O buque, deseñado por Juan Kouyoumdjian e Javier Cela, foi construído nos estaleiros Garrido do Grove e mellorado nos estaleiros Rodman de Vigo, sendo botado ao mar o 17 de maio de 2017. O barco foi pagado polo banqueiro venezolano José Álvarez Stelling, que tivo unha intervención na xornada da botadura.

Álvarez Stelling é outro dos millonarios "sospeitosos" do círculo do pai de Felipe VI. Persoa moi próxima ao antigo presidente venezolano Carlos Andrés Pérez, que lle entregou o Banco Consolidado, unha entidade con activos por valor de 1.900 millóns da época, aproveitou esa amizade para facer negocios no Estado español de Felipe González, ficando coa entidade financeira galega Castro Canosa e con algúns bens da antiga Rumasa.

Banco Consolidado

A propiedade do Banco Consolidado permitiulle comprar o Banco de Venezuela, nun proceso polo que foron condenados por corrupción xuíces, ministros e políticos. Neste contexto desapareceron da entidade 60.000 millóns de bolívares, que foron parar -segundo certificou a auditoría asinada por Arthur Andersen- á empresas dos homes de palla de Stelling. Finalmente, estas dúas entidades remataron quebrando, sendo intervidas polo Goberno venezolano.

Stelling foi xulgado en 1994 en Venezuela por apropiación de fondos, se ben non chegou a ser condenado nun procedemento cargado de dúbidas. Porén, decidiu abandonar Venezuela e instalarse en Londres, contando naquel momento co favor do rei emérito, quen lle entregou a Encomenda de Isabel a Católica. Neste sentido, a amizade entre o banqueiro venezolano e o rei emérito español, Juan Carlos de Borbón, chega até hoxe.

Os xornalistas especializados na Casa Real, como José María Olmo, sitúan o banqueiro venezolano como un dos principais apoios do emérito após a súa abdicación. Teñen partillado nos últimos anos xornadas na casa de Álvarez Stelling en Londres ou en Sanxenxo, onde a presenza do venezolano é tamén habitual, facendo parte do mesmo círculo.

Escotet, no círculo

Unha desa amizades comúns entre o rei emérito e Álvarez Stelling é outro banqueiro venezolano, Juan Carlos Escotet, presidente do grupo Banesco e máximo accionista de Abanca,.De feito, a ex parella de Juan Carlos de Borbón, Corinna Larsen, ordenou a vixilancia de Escotet a unha axencia de detectives suíza en 2018, que o considera “un home de palla” do rei emérito. O encargo de Larsen foi descuberto polo diario El País en abril de 2022, sendo investigados canda Escotet persoas ligadas aos negocios do monarca, como Alberto Alcocer, Alberto Cortina, Allén Sanginés Krausse, Álvaro de Orleáns ou José Cusí.

O segundo de Escotet e conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, é outra das amizades de Juan Carlos I. O executivo ferrolán está ligado ao negocio bancario desde 1998, cando entrou no Banco Echevarría, de cuxo principal accionista, Javier Echevarría, é xenro, e destaca pola súa proximidade aos populares José Manuel Romai Beccaria e a Alberto Núñez Feixoo. Precisamente é curmán de Eva Cárdenas, parella de Feixoo.

O BNG pide saber o gasto público das visitas do rei

O BNG denunciou esta segunda feira “as xa habituais viaxes de Juan Carlos de Borbón a Sanxenxo que son unha burla á xente”. Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou o Executivo estatal sobre "como se vai xustificar de novo [a estancia do emérito na Galiza] baixo o argumento de visitas privadas? Non cren que estas viaxes resultan vergoñentas, para alén de seren cada vez máis asiduas e en intervalos de tempo máis curtos? Cre que se xustifican?”. Asemade, preguntou que “tipo de dispositivo de seguranza se vai levar a cabo durante esta semana de estancia do Borbón na vila, e cal vai ser o custo para as arcas públicas".