SEGUNDO UN DECRETO ESPAÑOL DE 1980

A bandeira galega nun barco non pode superar un terzo do tamaño da española

Este barco nunha procesión marítima da 'Virxe do Carme'. Incumpre a lei?

O RD 2335/1980 regula o uso de bandeiras a bordo dos buques no Estado español. O expediente aberto a un barco da Coruña por izar a bandeira galega contempla multa de até 120.000 euros.

Coa lei na man, o armador e patrón galego que se enfronta a unha multa de até 120.000 euros por izar no barco unha bandeira galega de igual tamaño ca española, leva todas as de perder. Se no campo da lóxica, o razonamento deste mariñeiro, Manuel Iglesias, tena toda (“Por que a bandeira galega non pode ser do tamaño e estar á altura da española nun barco? Non o está nos edificios oficiais de Galiza?” ), no campo da lei o conto é outro.

O uso da bandeira de España e doutras enseñas a bordo de navíos no Estado está regulada polo Real Decreto 2335/1980, do 10 de outubro. Unha norma que contén tres puntos máis que clarificadores: Calqueira barco, sen importar do tipo que for, enarbolará como “único pavillón” a bandeira española. Que, ademais, deberá ondear no pao de popa e o cumio do pao máis alto da embarcación. Este RD deixa ben claro que non se poderá izar ningunha outra bandeira se non o está a española. E sempre que as dimensións desas bandeiras non superen o terzo da área da enseña española.

Pódese izar a bandeira galega? Pódese, indica esta lexislación, igual que calquera bandeira recoñecidas nos estatuos de autonomía. Pódense izar en portos nacionais e augas interiores, iso si, sempre que estea ondeando a española e a galega non supere 1/3 do tamaño desta.

Multas na Ría de Arousa e Armada en Catalunya

En xullo de 2013 no Sermos Galiza informabamos das queixas e denuncias de mariñeiros sobre as advertencias de multas e expedientes incoados a pequenas embarcacións de baixura da Ría de Arousa por non levar a bandeira española. En marzo de 2015 contabamos a sanción na Coruña a 2 embarcacións de artes menores por non levar a enseña do Estado español.

En outubro de 2012, e segundo recollían diversos medios, un navío da Armada española fixo acto de presenza nos portos cataláns de Cambrills e Roses para obrigar a volver a terra a aqueles barcos pesqueiros que non levaban izada e ben visíbel a bandeira española.