A Baña pide a paralización do parque eólico de Troitomil e "de todos os proxectos"

A veciñanza da Baña asistiu á reivindicación do Concello contra a proliferación do espolio eólico. (Foto: Nós Diario).
Alcalde e veciñanza reclámanlle á administración que free o proxecto até que "se modifique a lei".

O alcalde da Baña e representantes das asociacións veciñais O Outeiro, de San Mamede de Monte, e A Fonte Seca veñen de solicitarlle á Xunta da Galicia que paralice a tramitación do parque eólico de Troitomil e dos demais parques que se queren implantar na comarca "até que se adapte a lei a situación actual".

O rexedor, Andrés García Cardeso, acompañado de Carme Varela e Cándido Iglesias, voceiros da veciñanza,  pediu pór fin "ao asedio e ao expolio eólico" que está a sufrir o municipio. "Utilizaremos todas as ferramentas que temos ao noso alcalce", afirmou.

Neste sentido, o Concello da Baña avanzou que pon a disposición da veciñanza un equipo técnico para axudarlle a presentar alegacións contra a declaración de utilidade pública do parque de Troitomil, cuxo anuncio foi publicado no DOG do pasado día 16.

"Déixannos sen futuro"

Carme Varela, da asociación O Outeiro, asegurou que os seis parques eólicos que se están a tramitar na Baña, dos 300 que afectan ao conxunto da Galiza, "déixannos sen futuro e anulan totalmente o PXOM", polo que pediu unha moratoria na tramitación de todos os proxectos "até que se modifique a lei para adaptala a situación actual. Antes os muíños tiñan 70 metros de alto, e agora 200", dixo.

No mesmo sentido se pronunciou o vicepresidente da asociación A Fonte Seca, Cándido Iglesias, quen asegurou que o parque eólico de Troitomil é "a base dunha pirámide" doutros moitos parques que van ocupar case todo o territorio. "Vannos deixar sen auga", aseverou, e pediulle ao Concello que se presente contra a tramitación destes miniparques e que mesmo presente un contencioso.

Grandes complexos

García Cardeso coincidiu cos representantes veciñais ao asegurar que se están tramitando como individuais parques eólicos que, en conxunto, conforman un gran complexo que ocupará boa parte do municipio.

"Pedimos que se tramiten os proxectos completos, e non partilos en pequenos parques", reivindicou, antes de anunciarlle a toda a veciñanza que o Concello porá á súa disposición un equipo técnico até o 1 de agosto para que poidan presentar as alegacións que estimen necesarias contra o parque eólico de Toitomil.

A vindeira quinta feira, día 30, terá lugar un pleno extraordinario no que a corporación volverá reclamar de novo a paralización de todos os proxectos de parques eólicos.