Denuncia a Baltar no xulgado por acoso sexual

José Manuel Baltar

A muller, á que o presidente da Deputación de Ourense tería ofirecido traballo a cambio de sexo,asegura que cargos da institución provincial eran coñecedores do acontecido desde 2012.

 

A denuncia feita contra José Manuel Baltar por ter ofrecido, supostamente, un posto de traballo a unha veciña de Ourense a cambio de manter relacións sexuais, materializouse xa nos xulgados.

Segundo avanza o xornal La Voz de Galicia, a muller presentou unha demanda xudicial por acoso sexual e advirte que outras persoas pertencentes á institución provincial tiñan coñecemento do acontecido desde 2012.

Así o relata na exposición dos feitos na que asegura ter decidido en 2013 denunciar mais que unha doenza grave llo impediu. Após recuperarse, di, recuperou o caso.

Uns feitos que comezan coa súa participación como militante do Partido Popular na cimeira en que José Manuel Baltar foi eleito como sucesor do seu pai derrotando, así, o candidato oficialista de Feijóo. A partir de entón o actual presidente da Deputación de Ourense comezou a desenvolver con ela un tratamento que describe como persoal e próximo. Mesmo póndose en contacto telefónico cando esta non lle proporcionara aínda o seu número de móbil.

A denunciante asegura que iniciou as gravacións cando Baltar comezou a negar algunhas das conversas que mantiveran

Após o encontro nun luxoso hotel ourensán, do que a Fiscalía xa ten constancia, a denunciante non accedeu a citas posteriores e José Manuel Baltar comezou a distanciarse, embora manter a promesa de que lle concedería un posto de traballo. 

Nesa altura, asegura na denuncia, algún outro cargo do Partido Popular teríase insinuado e cando José Manuel Baltar comezou a negar conversas a denunciante optou por iniciar as gravacións. Algo que chegaría a ouvidos do propio presidente da Deputación de Ourense en 2012.

Na denuncia, a muller achega dous teléfonos móbiles coas mensaxes de texto supostamente enviadas por Baltar e unha memoria USB coas conversas gravadas, das que xa dispón tamén a Fiscalía. Insta a xustiza a que a chame para declarar e mesmo a que se produza un careo entre as partes.