Baixan as PCR e os positivos, mentres aumenta a presión na UCI

Realización de proba PCR de coronavirus (Foto: Europa Press)
A Galiza detectou nas últimas horas 535 positivos por coronavirus, ao redor dun centenar menos que a xornada previa, mais hai que ter en conta que tamén baixaron as probas PCR realizadas, con 1.700 menos. A presión nas unidades UCI segue á alza. 

Nas últimas horas detectáronse 535 contaxios de coronavirus na Galiza, 104 menos que na xornada previa, ao tempo que tamén se reduciron as probas PCR realizadas (até 1.700 menos). Ademais, aínda que descendeu a cifra total de pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais galegos, a presión nas unidades de coidados intensivos (UCI) segue á alza tan só dous días despois de finalizaren as festas do Nadal.

En concreto, segundo a actualización dos datos da pandemia na web da Consellaría de Sanidade, na Galiza hai 413 persoas con Covid-19 ingresadas, seis menos que 24 horas atrás, mais aínda que caeron até os 350 as e os pacientes en planta (-12), creceron até 63 as persoas en UCI (+6).

Case a metade das persoas ingresadas concéntrase nas áreas sanitarias da Coruña-Cee e Santiago-Barbanza. A coruñesa sumou nas últimas horas cinco novas hospitalizacións, até situarse no total de 109, das que 21 -dúas máis- están críticas. En canto á área santiaguesa, son 101 ingresos -un máis-, pero as UCI mantéñense con nove casos pola Covid-19.

Tras estas, sitúase a área sanitaria de Vigo, con 55 hospitalizados en total, unha baixada de catro con respecto a hai un día. Con todo, creceron en dous os pacientes con Covid-19 en UCI, até os 16. A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés rexistrou unha situación similar, xa que o total de ingresados descendeu en cinco, até situarse en 51, pero os que están en coidados intensivos aumentaron en dous, até os 12. Na área de Ferrol, os últimos datos de Sanidade reflicten que hai 46 hospitalizados por coronavirus (-1), dos que tres (sen cambios) están en UCI. Finalmente, a área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras continúa con 34 ingresados (sen cambios), dous en UCI (-1); e a de Lugo-A Mariña-Monforte ten 17 hospitalizados (-2), ningún deles en críticos.

A maioría de áreas sanitarias rexistraron descensos nas infeccións notificadas, aínda que a de Santiago-Barbanza situouse á cabeza nas últimas horas cun total de 139, tras aumentar en 46. Tamén ascenderon os contaxios, aínda que máis lixeiramente, en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con outros 75 positivos (+4); e Pontevedra-O Salnés, con 51 (+6). Paralelo a iso, a área sanitaria da Coruña-Cee foi a segunda, tras a compostelá, en número de contaxios novos, con 124, a pesar de que implica unha caída de 33 con respecto ao día anterior. En canto ao área viguesa, rexistrou unha redución de 115 casos nun día, até os 66 positivos. Ademais, baixaron os contaxios detectados en Ferrol, con 46 nun día (-17); e en Lugo-A Mariña-Monforte, zona menos afectada con 34 infeccións (-29).

Iso si, cabe destacar que nas últimas 24 horas o Sergas realizou 6.269 PCR, o que implica 1.675 menos que o día anterior. Así, desde o inicio da pandemia practicáronse 1.159.616 probas diagnósticas na Galiza.