Crecen os positivos nas residencias ao medraren os gromos de Vimianzo, Xove e A Pastoriza

Un usuario da residencia de San Cibrao (Foto: Carlos Castro - Europa Press)
Galiza rexistra 214 maiores con Covid-19 en residencias. Nas últimas horas notificáronse 17 novos positivos.
 

As e os usuarios de residencias de maiores na Galiza diagnosticados de Covid-19 volveron subir até situarse en 214, após notificárense 17 novos positivos: 10 asociados ao gromo do xeriátrico da Pastoriza, cinco ao centro de DomusVi Vimianzo e outros dous na residencia San Bartolomeu de Xove.

Ademais, segundo consta no parte diario que elaboran as Consellarías de  Sanidade e de Política Social, con datos actualizados a última hora da xornada anterior, outros sete anciáns retiráronse da listaxe por curarse do coronavirus: tres en DomusVi Vimianzo, un no Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, un en San Bartolomeu, un na residencia Pontevedra de Vilaboa e outro en Monte Trega da Guarda.

Deste modo, a cifra global de maiores con Covid-19 en xeriátricos galegos subiu nunha decena nas últimas 24 horas, até os 214, aínda que hai máis de dúas semanas, nos días anteriores a Noiteboa, baixaran do centenar.

Nos datos desta sexta feira, 8 de xaneiro, o centro  DomusVi Vimianzo continúa como o máis afectado da Galiza, que xa conta cun total de 72 usuarios infectados. Ségueno, aínda que de lonxe, a residencia Paz y Bien de Tui, con 33; e a San Bartolomeu de Xove, con 24.

Tamén contan con grupos de anciáns contaxiados a residencia de Ribeira -que de feito xa iniciara a campaña de vacinación-, con 19 casos activos; a da Pastoriza, con 18; a Residencia Hospital Asilo de Ribadeo, con outros 18; e a Moledo de Vigo, con 11.

Por baixo da decena de maiores infectados está o xeriátrico Santa Teresa Jornet da Coruña, que ten 7; o  CRAPD Vigo II, con 4; A Saleta de San Cristovo de Cea, tamén con 4; e outros catro centros cun caso cada un: a Residencia de  Maiores de Burela, os Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, o Monte Tegra da Guarda e a Vila  do Conde de Gondomar.

Persoal contaxiado

En canto ás e aos traballadores dos xeriátricos, o cómputo de positivos ascendeu a 94 despois de detectarse outros seis casos de Covid-19 nas últimas horas. Concretamente, trátase de tres empregados de  DomusVi Vimianzo, un de  DomusVi Monforte, un da residencia de Burela e outro da  Quercus de Leiro.

Por centros, o persoal máis afectado nos datos é a  DomusVi Vimianzo, cun total de 20, seguida da  Bartolomeu de Xove, con 12. O resto de centros que aparece na listaxe está por baixo da decena.