Covid: baixan os contaxios, aumentan as hospitalizacións

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)

Os positivos diarios rexistrados en 24 horas descenden até 238, a cifra máis baixa desde mediados de outubro. Aumentan a 484 os pacientes con Covid hospitalizados, aínda que baixan a 78 os que están en UCI.

Os positivos por coronavirus detectados en 24 horas na Galiza volveron caer en case un cento, até se situar nos 238 novos positivos notificados esta segunda feira, a cifra máis baixa desde o pasado 14 de outubro, cando se rexistraron 247.

Así consta na web da Consellería de Sanidade, con datos actualizados ás 18:00 horas deste domingo, que reflicten que todas as áreas sanitarias descenderon nas infeccións detectadas agás a de Ferrol, con 27 casos novos, unha decena máis; e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 13 -un máis-.

A taxa de positividade está en 4,8%. Isto significa que Galiza está levemente por baixo do limiar do 5% que marca a OMS

A área sanitaria da Coruña-Cee figura como a que ten máis novos contaxios da pandemia esta segunda feira, con  62, un menos que hai un día. A de Pontevedra-O Salnés é a segunda, con 54 novos positivos, tamén un menos.

Pola súa banda, a área sanitaria de Vigo caeu desde o máis de centenar de infeccións até tan só 35 novas (-74), mentres tamén baixaron en Lugo-A Mariña-Monforte, con 24 contaxios (-6); e Santiago-Barbanza, con 23 (-19).

A web de Sanidade tamén reflicte que até o momento realizáronse un total de 900.062 PCR. Isto significa que nas últimas 24 horas leváronse a cabo un total de 5.470 probas, outro descenso, esta vez dunhas 1.500, con respecto á xornada anterior.

Así mesmo, a taxa de positividade volveu a baixar unhas décimas con respecto á notificada o domingo e está en 4,8%. Isto significa que Galiza está levemente por baixo do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Continúa subindo igualmente a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria, que ascende a 1.205 tras as 12 novas vítimas notificadas este domingo

Por baixo desta porcentaxe de positivos están até catro áreas sanitarias: Ourense (2,2%), Vigo (2,3%), Lugo (3,5%) e Santiago (4%). Con todo, aínda están por riba do limiar da OMS as da Coruña (9,7%), Pontevedra (9,7%) e Ferrol (6,5%).

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, seguen coa súa tendencia descendente, con 98 menos, até os 7.806 pacientes Covid en toda a Galiza.

Aumentan a 484 os pacientes con Covid hospitalizados na Galiza, aínda que baixan a 78 os que están en UCI. A área de Ourense é a única na que descenden os ingresados tanto en coidados críticos como en planta

No entanto, continúa subindo igualmente a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria, que ascende a 1.205 tras as 12 novas vítimas notificadas este domingo -tres delas eran usuarias de residencias de maiores-.