Coronavirus Galiza: baixan os casos activos mais aumentan os ingresos hospitalarios

Varias persoas agardan para realizarse unha proba PCR en Vigo o pasado mes de decembro (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

A Consellaría de Sanidade notifica uns 3.000 contaxios diarios, unha importante baixada sobre os case 5.000 de días pasados, e tres novos falecidos. Porén, aumentaron en 48 os ingresos hospitalarios nas últimas 24 horas.

Continúa a redución de persoas que están a pasar a Covid-19 na Galiza e xa son 57.657, o que apunta a 2.740 menos que hai un día. Os contaxios notificados tamén diminuíron até os 3.081, lonxe da  contorna dos 5.000 dos últimos das últimas xornadas, aínda que este descenso pode estar relacionado cunha baixada das probas realizadas.

O peor dato, segundo o informe facilitado por Sanidade este domingo,  con información recollida até as 18 do sábado, é que a cifra de persoas hospitalizadas nas últimas horas disparouse até os 691 ingresados, 48 máis nun día. Delas, 645 están en planta (+46) e outras 46 en unidades de coidados intensivos (UCI) (+2).

Soben en todas as áreas agás Ferrol

As persoas hospitalizadas soben en todas as áreas sanitarias agás na de Ferrol e Lugo-A Mariña-Monforte. Nesta última reducíronse até os 67 (-3). Delas, sete están en críticos -non varían-. Mentres tanto, os hospitais ferroláns mantéñense sen cambios: 40 enfermos de covid, dos que dous están na UCI.

Do resto de áreas, a da Coruña-Cee rexistra o maior aumento con 21 ingresados máis, até os 203, dos cales 14 (-1) están en coidados intensivos.

Na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras xa son 112 os hospitalizados (+9), dos que catro (sen cambios) están en UCI; e na de Vigo elévanse até os 89 (+10), seis deles críticos (+1).

A de Pontevedra-O Salnés rexistra 82 hospitalizados (+10), deles oito na UCI (+2); e a de Santiago-Barbanza notifica un aumento mínimo, até os 98 ingresados (+1), aínda que non varía a súa cifra de cinco en unidades de coidados intensivos.

Menos casos activos

Con respecto aos casos activos, é dicir, ao número total de persoas que actualmente padecen covid-19, a cifra diminuíu por segundo día consecutivo até os 57.567, que son 2.740 menos nun día. Esta baixada replicouse, de novo, nas sete áreas sanitarias.

A que máis pacientes de coronavirus atende é a de Vigo, con 14.935, tras reducirse en 789 na última xornada. Séguenlle a da Coruña, con 12.360 (-575); e a de Santiago, con 9.963 (-435).

Con menos casos activos pola Covid-19 sitúanse a área de Pontevedra, que rexistra 6.057 (-232); a de Lugo, con 5.916 (-301); a de Ourense, con 5.671 (-244); e a de Ferrol, con 2.665 (-164).

Menos contaxios, menos probas

En canto aos novos contaxios por coronavirus rexistrados en 24 horas, o Sergas notifica 3.081 novos, o que implica unha redución de 1.831 nun día. De feito, é un importante descenso sobre os 4.900 notificados o sábado e a sexta feira.

Todas as áreas sanitarias rexistraron unha baixada dos infectados diarios. Así, en Vigo diminuíronse até os 725 novos positivos (-504) e na Coruña até os 656 (-361).

De igual modo, en Santiago baixaron a 567 contaxios nun día (-343); en Pontevedra, a 358 (-167); en Lugo, a 315 (-169); en Ourense, a 299 (-185); e en Ferrol, a 161 (-74).

A baixada dos contaxios detectados pode estar relacionada co menor volume de probas diagnósticas realizadas no último día. Nas últimas 24 horas fixéronse na Galiza 6.298 probas PCR, unhas 500 menos que a xornada anterior.

Da mesma maneira, fixéronse 4.286 test de antíxenos nun día, uns 2.200 menos que o anterior.

Daquela, Sanidade sitúa a taxa de positividade das PCR (o número de probas que dan resultado positivo de cada 100 realizadas) no 19,7%, unha cifra moi superior ao 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) como límite para dar a pandemia por controlada.

Por contra, faleceron nas últimas horas tres persoas como consecuencia deste virus polo que a cifra de mortes na Galiza suma  2.972 persoas.