Baamonde, en loita para que non cambien o colexio por un conservatorio

Protesta ás portas do colexio. (Foto: ANPA do CEIP de Baamonde)
A Asociación de Nais e Pais e o colectivo veciñal encabezaron este domingo unha manifestación en protesta pola decisión do alcalde de pedir á Xunta o fechamento do centro educativo en favor da creación dun conservatorio e un auditorio. A organización afirma que máis dun cento de persoas apoiaron a reivindicación de manter o servizo educativo como está pois ten 30 estudantes e axuda á fixación de poboación no rural.

Máis de cen persoas marcharon este domingo á mañá pola N-VI e a N-634 co obxectivo de facer ver a problemática existente en Baamonde, onde todo apunta a que o Concello e a Consellaría de Educación traballan para acometer o fechamento do colexio. 

A ANPA do CEIP de Baamonde e a Asociación Veciñal Montenegro de Baamonde convocaron a acción reivindicativa aínda que tiveron confirmacións e negativas ao plan de que a infraestrutura do centro cambie de usos e as crianzas sexan reagrupadas no centro educativo de Begonte. Nesta ocasión estiveron acompañados de representantes dalgúns partidos, así como da Federación de ANPAS de Lugo, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e unha representación do sindicato STEG.

Se ben é certo que por parte de Educación non tiveron unha resposta en firme, desde a ANPA contan a Nós Diario que foron citadas a un encontro co alcalde do municipio, José Ulla, a través de notas deixadas nas mochilas das e dos nenos e comentoulles a idea como algo xa confirmado e sen volta atrás. 

“É estraño porque se saíra de Educación... Pero foi o propio alcalde o que lle propuxo unificar aos nenos en Begonte, que está en peor estado que o de Baamonde, e investir cartos alí”, di a secretaria da ANPA, Paula Iglesias. 

Aínda lles parece máis rara a situación porque o colexio ten unha comunidade estudantil pequena, de 30 crianzas, pero hai outras vilas que conservan os centros con menor cantidade de alumnos. Porén, conta que o rexedor ten para as instalacións onde está o CEIP o proxecto de crear “un conservatorio e un auditorio”. 

Outro espazo para o proxecto

“Nós non estamos en contra de que se faga iso, pero non a conta de desmantelar o colexio”, defende, pois mesmo asisten alumnos de parroquias de Guitiriz e Vilalba aos que lles queda máis preto da casa que as escolas dos seus propios concellos. 

Polo momento conseguiron o apoio do BNG e o PSOE na Deputación pero prevén que o asunto tamén chegue ao Parlamento e non pensan parar até conseguir o compromiso de que se manterá o servizo educativo. 

No futuro conservatorio estarían xuntas as bandas de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei, con máis usuarios, pero esa actividade extraescolar xa implica un traslado até Baamonde que tamén se lle imporá a outras persoas para recibir un dereito básico, reflexionan desde a ANPA. 

Traslados pola pandemia

Ademais dos argumentos básicos para a defensa do centro educativo, tamén botan man do discurso de que é preciso para fixar poboación no rural. Iglesias é un exemplo diso pois, malia que era orixinaria de Baamonde, non vivía na vila e mudouse como consecuencia da pandemia. 

Até tres nenas e nenos chegaron xa ao colexio por esta situación, na que o teletraballo se está formalizando en moitas empresas e aínda hai familias que buscan vivendas nas áreas afastadas das cidades. 

Por iso, a ANPA non descarta que poida haber máis mudanzas, pero non se producirán se nun sitio tan céntrico e vivo como Baamonde perden un servizo tan importante como é esta infraestrutura. 

Curiosamente na web municipal hai un apartado dedicado aos servizos cos que conta o concello para poder vivir alí, preto de Lugo e de Vilalba. Mais agora hai sobre a mesa unha idea que as veciñas e veciños entenden como negativa para quedar. Co obxectivo de poder seguir a vivir na Galiza rural e que as crianzas gocen desas vantaxes pensan seguir organizando accións de protesta.