Xuízo do Alvia

Os avogados das vítimas acusan a xuíza de aceptar probas para "exculpar a Cortabitarte"

Andrés Cortabitarte, á súa saída da Cidade da Cultura. (Foto: Arxina)

O xuízo polo sinistro do tren Alvia en Angrois (Compostela) en xullo de 2013 arrancou na mañá desta cuarta feira no centro de innovación da Cidade da Cultura da capital da Galiza. O procedemento, cuxo remate está previsto para xullo do vindeiro ano, dedicou a súa primeira sesión a resolver as cuestións previas.

A primeira xornada do xuízo iniciouse con polémica, unha vez que a maxistrada Elena Fernández Curras admitiu introducir no procedemento un vídeo elaborado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif). A montaxe audiovisual, presentando a última hora tras ser filtrado ao diario ABC, incide en responsabilizar do sinistro ao maquinista do Alvia, Francisco Garzón, situando as causas do accidente nun erro humano deste.

Fernández Currás cualificou a montaxe audiovisual como “unha proba de parte”. Neste sentido, defendeu a súa postura de aceptalo dentro da causa porque “é algo tan obvio e tan coñecido, porque desde o primeiro momento hai gravacións da policía científica, cuxa imparcialidade non se discutirá, hai reportaxes fotográficas de todo o que pretende demostrar Adif do que se ve durante ese percorrido”.

Andrés Cortabitarte (en primeiro plano) e Francisco Garzón. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A admisión do vídeo como proba foi impugnada polo letrados das vítimas. Neste sentido, un dos avogados da acusación particular, Francisco José González Losada, sinalou que a montaxe “está gravado con claro ánimo de exculpar ao señor Cortabitarte [xefe de seguridade de Adif no momento do sinistro] e estabelecer a única responsabilidade do maquinista”. Asemade, afirmou que vídeo é de “datas recentes”, descoñecéndose “o modelo do tren ou as velocidades” e limitándose “a sobrepor unha conversación telefónica [de Garzón co interventor] cunha vista de fronte dun tren”.

O propio avogado Plataforma de Vítimas do Alvia 01455, Manuel Alonso Ferrezuelo, impugnou a admisión a trámite da citada peza "por entender que non cumpre cos requisitos" fixados pola Lei de Axuizamento Civil para ser unha proba legal. A este respecto, significou que “descoñecemos por que persoas foron editados” e indicou que as vítimas "dubidan moito da súa veracidade", entre outras cousas porque o traxecto filmado "non era" o orixinal do Alvia.

O momento de maior tensión no procedemento provocouno o antigo responsábel de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte. Precisamente, os familiares das vítimas presentes na Cidade da Cultura afeáronlle que entrara no xuízo pola porta traseira do centro de innovación da Cidade da Cultura e lamentaron o “simbólico” desa decisión, “sen dar a cara” e con “privilexios” respecto do maquinista, Francisco Garzón, quen se cruzou no acceso ao interior da sala coas vítimas do accidente.

O xuízo, ao Parlamento

O xuízo do Alvia marcou toda a actualidade informativa na xornada. Tanto é así, que o comezo do procedemento colouse na sesión de control do Parlamento da Galiza, tras reclamar a voceira do BNG, Ana Pontón, “xustiza e reparación para as vítimas” e denunciar “o veto de PSOE e PP a unha comisión de investigación no Parlamento para aclarar as causas do accidente e coñecer a verdade”. As palabras da dirixente do BNG foron retrucadas por Alfonso Rueda, quen acusou aos nacionalistas de facer “partidismo” a conta do sinistro do tren Alvia.

A europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, e a voceira nacionalista en Compostela, Goretti Sanmartín, compareceron esta cuarta feira ás portas da Cidade da Cultura, sinalando que “nós estamos aquí ao carón das vítimas mentres PP e PSOE non só non estiveron acompañándoas, senón que estiveron tapando a verdade e impedindo desde os seus Gobernos que houbera unha investigación independente”.

Asemade denunciou, que “no xuízo non compareza ningún dos ministros responsábeis, José Blanco e Ana Pastor” e lembrou que “o informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) di alto e claro que o accidente non foi só un problema do maquinista".

O colectivo de vítimas do Alvia rematou a xornada na praza do Obradoiro Compostela proxectado o filme Frankenstein-04155, un documental que investiga as causas do accidente e cuestiona  a versión oficial das autoridades do Estado.

O día de Francisco José Garzón

O maquinista do tren Alvia sinistrado o 24 de xullo de 2013, Francisco José Garzón,  declarará na sesión desta quinta feira do xuízo para dar a coñecer a súa versión sobre os feitos. O testemuño do ferroviario, para quen solicita a Fiscalía catro anos de cárcere, dará paso na sexta feira ao antigo responsábel de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, único responsábel político imputado e persoa na que están postas moitas das olladas.