A avogada Sandra Garrido representa a delegación galega na Flotilla Sumud Global que partiu este domingo desde Barcelona cara a Gaza
Global Movement to Gaza-Galiza pide seguir "de perto" o avance das embarcacións para garantir a súa seguridade.
A avogada Sandra Garrido Fernández, vinculada ao activismo social na Galiza, será a representante na delegación galega de Global Movement to Gaza-Galiza (GMTG) na Flotilla Sumud Global, que partiu este domingo ás 15 horas desde o porto de Barcelona rumbo á Faixa de Gaza, onde se reunirán con outras embarcacións chegadas de Tunes e Sicilia, para "romper o bloqueo imposto por Israel".
Segundo detalla un comunicado, Sandra Garrido é directora de asuntos internacionais da Fundación Terrum e especialista en situacións de crises. Leva máis de 30 anos vinculada ao activismo social na Galiza e noutros puntos do Estado español, cunha traxectoria ampla en movementos feministas, de solidariedade e de defensa dos dereitos humanos.
Ela está entre as activistas que partiron este domingo rumbo a Gaza. A portavoz de GMTG-Galiza, Ánxela Gippini, xa apuntara que desta plataforma habería unha representante, que se sumará a outras persoas galegas que participarán a nivel técnico e de organización. "O obxectivo é claro: chegar á costa de Gaza e abrir un corredor humanitario e forzar a romper o bloqueo", apuntou Gippini.
A Global Sumud Flotilla é unha "frota coordinada e non violenta", lembra GMTG, e conta coa participación de delegacións de 44 países na súa misión de "romper o asedio ilegal de Israel a Gaza". Esta é, en palabras de Gippini, "a maior flotilla civil en anos".
Global Movement to Gaza-Galiza participa da organización deste movemento civil internacional e chama á sociedade galega a mobilizarse en solidariedade co pobo palestino e en apoio á Flotilla. Ademais, pide a responsábeis de organizacións políticas, sindicais e de dereitos civís que "sigan de perto" o avance das embarcacións para garantir a súa seguridade.
Representante galega
En canto á traxectoria de Sandra Garrido, foi socia fundadora da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres e participa en grupos feministas autónomos desde hai máis de tres décadas. Ademais, é colaboradora en plataformas como Galiza por Palestina, Compostela por Palestina e Pallasos en Rebeldía, así como na Fundación Terrum, dedicada á defensa dos dereitos humanos, do medio ambiente e da memoria histórica.
Dentro da súa experiencia laboral, cabe mencionar que forma parte do Grupo de Intervención Xurídica Socio-Comunitaria (GIX) e doutros colectivos galegos e estatais relacionados coa xustiza social, a diversidade funcional, o movemento LGTBI ou a defensa dos dereitos das persoas presas.
Tal e como destaca GMTG, a súa vida persoal e profesional está marcada pola coherencia entre o compromiso activista e a práctica xurídica, pondo sempre no centro a defensa das persoas e dos colectivos máis vulnerabilizados.
Saída da flotilla
As primeiras embarcacións da Global Sumud Flotilla empezaron a saír do porto de Barcelona rumbo a Gaza este domingo ás 15.30, e progresivamente foron partindo polo menos 20 barcos con máis de 300 persoas, entre os que están a activista sueca Greta Thunberg e a ex alcaldesa de Barcelona Ada Colau.
Os barcos acabaron de saír cara ás 16.15 ante unhas 5.000 persoas que, segundo cifras municipais, acompañaron a flotilla na súa partida, despois dunha mañá na que o Moll da Fusta acolleu actuacións musicais e discursos de diferentes activistas e entidades.
Un dos organizadores, Thiago Ávila, dixo en rolda de prensa que a misión da flotilla cara a Gaza "é o mundo enteiro contra o xenocidio".
Outro deles, Mohamed Nadir Al-Nuri, asegurou que este día "marca o inicio dunha Palestina independente", ademais de pedir a todo o mundo que se implique nesta misión.