Galiza mobilízase por terra e mar para apoiar a Flotilla a Gaza: "Pasamos da impotencia á acción"
Na maior "flotilla civil en anos" haberá tamén representación galega.
Un total de 11 localidades galegas sumaron apoios por terra e por mar na véspera da partida a Gaza da Global Sumud Flotilla, que a portavoz de Global Movement to Gaza - Galiza, Ánxela Gippini, define como a "maior flotilla civil en anos". Estas mobilizacións leváronse a cabo fronte á "inacción dos gobernos", que representantes da plataforma denuncian.
Na xornada do domingo, máis dunha vintena de barcos —entre os que haberá representación galega— dirixiranse a Gaza como parte da Flotilla. Delegacións de 44 países acudirán até Palestina coa pretensión de crear un corredor humanitario e romper o bloqueo á axuda humanitaria na Faixa de Gaza.
Por iso, a poboación galega mobilizouse este sábado en até 11 localidades, ás que se sumarán outras con concentracións programadas para o domingo e a segunda feira. "A inacción dos gobernos fai que a xente actúe máis. A xente non pode crer que non se faga nada. Pasamos da impotencia á acción", traslada Gipinni, á que "emociona" a resposta da sociedade. Vilas galegas como Compostela, Vigo, Ferrol, A Coruña, Fisterra, A Illa de Arousa ou A Guarda acolleron este sábado actos de apoio á Flotilla baixo o lema "Contra o xenocidio e en apoio á Flotilla Sumud Global". Outras tantas farano ao longo da fin de semana e tamén na segunda feira.
Tamén por mar
As mobilizacións non se levaron a cabo unicamente en terra. Na Illa de Arousa (O Salnés), realizouse unha regata solidaria con bandeiras a bordo e, en Ferrol, tamén houbo un encontro de embarcacións.
Na Illa, seis embarcacións cruzaron a ría con bandeiras de Palestina e consignas como "Arde Gaza". Ao tempo, unha manifestación por terra percorreu a ponte, acompañando a regata solidaria, o que para o representante da plataforma Alberte Pagán foi "moi emotivo".
Tanto Gippini como Pagán insisten na función desta mobilizacións como resposta á "inacción" dos gobernos. "Esta é unha mobilización social e popular que cumpre a función que non cumpren os gobernos á hora de sancionar Israel ou á hora de parar o xenocidio", relata Pagán.
Ánxela Gippini concorda: "A sociedade e os pobos do mundo teñen unha actitude diferente aos gobernos. De feito, nas rúas hai unha mobilización social, mesmo en países que están a ter unha represión brutal, como en Alemaña e Reino Unido".
"A maior flotilla civil en anos"
En meses anteriores, houbo outros intentos para facer chegar a axuda a Gaza, como os dos barcos Handala ou o Madleen, da Flotilla da Liberdade, que foi interceptado por Israel na súa travesía. Tamén en xuño realizouse unha Marcha Global a Gaza, que pretendía acudir até Rafah, na fronteira con Exipto, país que a reprimiu. Ante estes antecedentes, Pagán pide aos gobernos e á sociedade realizar un "seguimento" das embarcacións e que non se "perdan de vista" para evitar calquera "desgraza".
As expectativas de Gipinni respecto a esta Flotilla están postas no seu tamaño, a "maior flotilla civil en anos": "A presión, neste caso, está no número". Nesta liña, destaca que o español é un dos Estados "con máis delegacións". Así, de Barcelona sairán unha vintena de embarcacións que se xuntarán coas que saen de Tunes e de Sicilia. "O obxectivo é claro: chegar á costa de Gaza e abrir un corredor humanitario e forzar a ruptura do bloqueo", engade.
Na Flotilla haberá representantes da Galiza, das que polo momento se descoñece a súa identidade, que se informará "cando sexa seguro para todas as tripulantes", apunta Gippini. A portavoz de Global Movement to Gaza - Galiza apunta que desta plataforma haberá unha representante, que se sumará a outras persoas galegas a nivel técnico e de organización.