O avisos por presenza de niños de velutina aumentaron 40%: en 2023 rexistráronse un total de 56.500 advertencias

As velutinas teñen predilección polas camelias, sobre todo polas de flor con estames amarelos (Foto: Nós Diario).
O Concello de Carballo foi pioneiro na Galiza ao pór en marcha en 2017 a primeira campaña de trampeo de avespa velutina.

A Galiza rexistrou un total de 56.500 avisos por presenza de niños de avespa velutina, de forma que se dispararon 40% en comparación con 2022. Ante esta situación, a Xunta da Galiza prepara medidas de choque que pasan por un trampeo xeolocalizado en todo o país e o reforzo da formación e da investigación.

O Consello da Xunta deu luz verde esta quinta feira a estas medidas previstas para 2024 co obxectivo de frear a expansión desta especie invasora que non deixa de crecer na Galiza. O trampeo selectivo deste ano tomará como referencia os niños de 2023 e estará xeolocalizado par poder estudar a evolución cos datos recollidos na aplicación Controlvelutina. Ademais, centrarase na captura de raíñas que saian desde comezos de primavera en busca de alimento para construír os niños. 

Tamén se adiantará a retirada de niños primarios de pequeno tamaño. Paralelamente, renovarase a encomenda á empresa pública Seaga por quinto ano consecutivo para estas tarefas. Como novidade, este ano os 313 municipios galegos estarán adheridos ao programa de control, fronte aos 285 cos que se comezou en 2020. Neste sentido, o operativo de Seaga retirou ou neutralizou en 2023 un total de 29.500 niños de velutina.

Carballo foi pioneiro

O Concello de Carballo foi pioneiro na Galiza ao pór en marcha en 2017 a primeira campaña de trampeo de avespa velutina. Esta sexta feira, 1 de marzo, coma todos os anos, arrincará a deste ano, na que novamente se contará coa axuda dos apicultores e apicultoras do concello e da veciñanza.

En 2023 participaron máis de 200 veciñas e veciños de Carballo neste programa, que axudaron a distribuír polo territorio un total de 1.519 trampas, o que permitiu capturar 32.482 avespas, até 12.000 máis que no exercicio previo. Neste sentido, o Goberno municipal pon a disposición tanto as trampas como o líquido atraente, do que o ano pasado distribuíu 1.736,5 litros.

"Aínda que acabar coa velutina semella unha misión imposíbel, reducir a poboación destas avespas e as súas consecuencias é posíbel grazas a estas campañas anuais", destacou o Executivo local, que agradeceu "a implicación da cidadanía nesta loita".