Sen avións nin axuda para deixar Italia

Javier Mariñas na praza Navona de Roma a canda outras Erasmus galegas.
O peche de fronteiras decretado polo Goberno italiano esta semana colleu co pé cambiado o estudantado desprazado cunha bolsa Erasmus e es viaxeiras que decidiron continuar cos seus plans de ocio no país mediterráneo. As ganas de volver de quen se sentiu atrapado nas últimas horas chocou de fronte coa falta de solucións oficiais e alternativas para abandonar Italia.

Máis de 24 horas tardou Iolanda Alonso, traballadora do Concello de Vigo, en dar cunha vía para saír de Italia. Ao peche desta edición aínda non a fixo efectiva, mais confía en chegar a Barcelona ao longo desta xornada nun ferry que tiña previsto saír de Roma pouco antes da media noite.

"Intento manter a calma polo meu fillo" recoñece a Nós Diario, "mais foron dous días difíciles, de xestións e busca de información". Iolanda viaxou o domingo a Italia por lecer a canda seus pais e o seu fillo. Tiñan billete de volta para o sábado, mais o illamento decretado por Giuseppe Conte, alentouna a adiantar a súa marcha. Quixo facelo en avión cando o Goberno prohibiu os voos procedentes de Italia. Foi o seu primeiro intento frustrado. "Despois tenteino vía Portugal, pero tamén eliminaron esa opción, así que probaremos a saír en ferry, porque non quero coller un coche e quedar atrapada no norte de Italia". Farano cunha declaración de responsabilidade que o persoal diplomático lles facilitou. "Foi a única axuda, ademais de dirixirnos a unha axencia de viaxes próxima para que cadaquén buscara unha solución pola súa conta".

Erasmus

Unha deriva "vergonzosa" para Javier Mariñas, estudante de Historia en Roma. Os acontecementos dos últimos días animárono a avaliar un posíbel regreso á Coruña. "Eu non tiña pensado marchar, pero a prórroga da suspensión das clases acelerou o alarmismo e a histeria", asegura a este xornal. "Non sabía como xestionar esta situación e por iso decidín achegarme ao Consulado". Con todo, ao ver que non ofrece ningunha saída coordinada, Javier opta por permanecer en Italia na compaña doutros colegas. "Meus pais están tranquilos, confían no meu criterio. Teño casa e amigos, e tampouco estou disposto pagar prezos esaxerados por un billete de saída".