O avión coas vítimas e os superviventes do 'Vila de Pitanxo' chega mañá a Compostela

O avión do Exército do Aire ten prevista a súa chegada a Compostela ás 18 horas desta segunda feira.
 Miles de persoas apoian en Marín aos familiares do 'Villa de Pitanxo', dispostos a "continuar loitando".

O avión do Exército do Aire que hoxe partiu cara Canadá co obxectivo de repatriar aos sobreviventes e vítimas do pesqueiro 'Vila de Pitanxo' ten prevista a súa chegada á base aérea de Compostela esta segunda feira ás 18 horas. 

Así o anunciaron desde Moncloa, que tamén indicaron que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, desprazarase até Galiza para recibir ao avión procedente de Terranova. 

A aeronave partiu este domingo ás 10 horas desde a base militar de Zaragoza con destino Canadá. Diso informou o Executivo estatal, que detallou que o A-400 do Exército do Aire será recibido no aeroporto de San Xoán de Terranova polas autoridades consulares españolas e polo embaixador de España en Canadá, Alfredo Martínez Serrano, que xa se atopa na zona para dirixir in situ os labores de repatriación e asistencia aos familiares.

O sábado, após chegar a porto a bordo de senllos barcos, concluíron as identificacións das nove vítimas mortais cuxos corpos foron recuperados ─cinco españois, tres peruanos e un ganés─.

Na véspera chegaran no buque canadense 'Nexus' os dous primeiros corpos de mariñeiros falecidos e o sábado fixérono os corpos das outras sete vítimas, xunto aos tres sobreviventes, a bordo do pesqueiro español 'Praia Menduiña II'.

Repatriacións

No avión que hoxe partiu de Zaragoza serán repatriados a España, ademais dos tres mariñeiros sobreviventes, cinco dos corpos recuperados: catro españois e un dos mariñeiros ganeses da tripulación do 'Villa de Pitanxo'.

O quinto español identificado é hispano-peruano, polo que será repatriado a Perú, como os outros tres mariñeiros peruanos identificados.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, que traballa en coordinación cos servizos do Goberno de Terranova e Labrador para que a repatriación se realice con todas as garantías e canto antes, informa ás familias dos mariñeiros en todo momento e mantén activo un Plan de Asistencia Consular, apuntan desde a Moncloa. 

Acto en Marín

Por outra parte, miles de persoas reuníronse este domingo na Alameda de Marín para amosar o seu apoio aos familiares da tripulación do 'Villa de Pitanxo', o pesqueiro galego naufragado en Terranova (Canadá) a pasada terza feira. Na concentración as familias insistiron na súa petición de "renovar a procura canto antes" e aseguraron que non van parar nin "esquecer" aos  desparecidos.

A mobilización, convocada polos propios achegados, estaba prevista para as 13 horas, aínda que pasadas as 12 xa comezou a congregarse xente na praza. Entre eles, os alcaldes de Marín, Pontevedra, Bueu e Cangas; a conselleira de Pesca, Rosa Quintana; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy; e a dirixente popular e deputada no Congreso, Ana Pastor.

Pontón pediu que se atenda á petición das familias de seguir coa busca dos mariñeiros desaparecidos e que para iso se implique tamén con medios o Goberno do Estado. Ademais, reiterou toda a colaboración do BNG nun dos momentos "máis difíciles da vida".

Tanto en declaracións aos medios como xa nunha intervención aberta a todo o público desde o palco da música de Marín, os familiares insistiron en "renovar a búsqueda canto antes", sinalando que os pesqueiros que se atopan na zona aseguraron que "a meteoroloxía xa o permite".

Especialmente críticos foron co Goberno estatal, ao que lle afearon a falta de información e de medios propios en Terranova, que si se destinan para outras catástrofes ou para prestar axuda en conflitos. "Non estamos a pedir unha axuda, estamos a pedir un dereito", aseguraron respecto a a recuperación dos corpos dos desaparecidos.