TRANSPORTE

Unha avaría provoca atrasos de máis dunha hora na liña de Media Distancia

Pasaxeiros agardando esta mañá na estación de Vigo-Urzaiz. (Foto: Nós Diario)
O segundo tren da xornada entre Vigo-Urzaiz e A Coruña tivo que parar en Redondela, Padrón e Cerceda para suplir a falta de servizo do primeiro, que debía partir ás 6.40h.

Unha avaría impediu que o tren de Media Distancia 09072, que debía partir da estación de Vigo-Urzaiz ás 6.40 horas desta terza feira en dirección á Coruña, saíse en hora. Así o notificaron a Nós Diario diferentes pasaxeiros a primeira hora do día e confirmaron despois fontes de Renfe en declaracións a este xornal.

Se ben este primeiro ferrocarril da xornada debía rematar o traxecto contra as 8.13 horas, a demora estimada pola compañía estatal para chegar á cidade herculina é de case unha hora e media, é dicir, coincidindo coa partida do segundo tren previsto na mañá, o 09082, con saída ás 8h de Urzaiz. "Por mor da avaría, os demais trens saen con atraso, mais aínda non podemos estimar canto exactamente", explican desde Renfe.

Aplicación móbil de Renfe.

Este último tren, malia que non estaba previsto no seu roteiro, tivo que efectuar unha parada obrigada nas estacións de Redondela AV, Padrón e Cerceda para suplir o servizo do ferrocarril que debía realizar ese percorrido a primeira hora.

"Tivéronnos máis de media hora agardando de pé nunha sala sen darnos explicación ningunha", sinala a Nós Diario un pasaxeiro que saía de Vigo. "Máis dunha hora de atraso e ningunha información polas pantallas ou megafonía. 200 persoas esperando na estación e chegando tarde ao traballo", lamenta nas redes sociais un usuario desde a estación de Pontevedra. "Ninguén dá a cara", apunta outro.