Segundo día de paro

Avances cara a un ensino digno e de calidade en Medicina

Alumnos e alumnas de Medicina en folga. (Arxina)

A primeira xornada de folga e mobilizacións do alumnado de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela serviu para reparar os primeiros defectos de relación e organización da súa vida académica.

Despois de case 12 horas de reunión co equipo directivo da facultade, as representantes da Asemblea Aberta de Medicina recoñecen a boa disposición do decano por abordar canto antes as faltas máis graves que denuncia o estudantado.

«Acordamos un documento base no que se recollen as medidas fundamentais que deberan implantarse de forma inmediata, unha vez desconvocada a folga; outras que necesariamente deberán esperar a que comece outro curso; e algunhas que nós xa non veremos como estudantes», explican desde a organización estudantil, «pero é importante que queden por escrito e asinadas, para non lles legar ás promocións do futuro problemas que consideramos incompatíbeis cun ensino de calidade».

Os principais puntos de acordo xiran arredor das faltas de respecto «intolerábeis» que o persoal docente cara ao alumnado. «O equipo decanal coincide con nós en que non se pode permitir ningún tipo de humillación nas aulas e en que as vías de denuncia non son suficientes», afirman, polo que acordaron a creación dun correo específico e confidencial que xestionará directamente o decano e o seu equipo. Un correo exclusivo para tramitar as queixas que as estudantes consideren merecedoras de aviso ou denuncia.

«O equipo decanal coincide con nós en que non se pode permitir ningún tipo de humillación nas aulas e en que as vías de denuncia non son suficientes»

Doutra banda, conviron a ilegalidade das horas lectivas extraordinarias que se imparten fóra do horario oficial e a necesidade de erradicalas a curto prazo. Queda pendente para o vindeiro curso a redución das clases presenciais e o compromiso de que sexa o xestor docente máis os coordinadores de materia os encargados de organizar as prácticas, outra das reivindicacións do estudantado.

Á espera de que conclúa unha nova xuntanza da comisión permanente, desta volta cos directores de departamento e as coordinadoras de materia, a facultade de Medicina vive esta cuarta feira unha segunda xornada de peche con piquetes informativos nas aulas, sentada na entrada principal e una nova convocatoria de peche nocturno.

«Non buscamos impoñer», din, senón «intercambiar e acordar propostas de mellora da docencia» que repercutan no rendemento das estudantes, nas súas cualificacións, no acceso a bolsas de estudo e a prazas MIR.

Neste sentido amósanse optimistas. «Sabemos que algunhas das nosas solicitudes baten directamente coa liberdade de cátedra do persoal docente» e serán máis difíciles de conseguir, aseguran, pero «confiamos en poder mudar os criterios de avaliación e organización dos exames».