Auxiliares de conversa, un novo "recorte" sen remuda no ensino público: "É quitar por quitar"

Román Rodríguez ante os 690 auxiliares de conversa que dan apoio este curso ao alumando galego, o 1 de outubro. (Foto: Xunta da Galiza)
A posíbel retirada da Xunta da Galiza do programa de auxiliares de conversa do Ministerio de Educación preocupa as Anpas Galegas, que advirten dun novo recorte no ensino público sen alternativa por parte do Goberno galego.

Galiza conta este curso con 690 auxiliares de conversa procedentes de 19 países que prestan apoio á aprendizaxe de linguas estranxeiras no ensino galego. Fano nun total de 791 centros educativos distribuídos por 238 concellos. O colectivo máis numeroso é o estadounidense, con 444 auxiliares; seguido do británico, con 57. Con todo, hai persoal de apoio en centros plurilingües, escolas oficiais de idiomas e centros educativos con seccións bilingües chegados da India, Filipinas, Brasil, Portugal, Irlanda, Alemaña, Tunisia, Francia, Canadá, China ou Australia; para contribuír á ensinanza de até cinco linguas diferentes: inglesa, francesa, portuguesa, alemá e chinesa.  

Segundo destacou o titular de Educación da Xunta de Galiza o pasado mes de outubro, na recepción dos case 700 auxiliares de conversa que escolleron acompañar o alumnado galego, tras máis de 15 anos de funcionamento o programa rexistra "un alto grao de satisfacción", tanto entre as persoas coordinadoras dos centros participantes, que nun 99% consideran "moi positivo" o apoio que prestan as auxiliares de conversa, como entre as participantes, que nun 50% piden renovar un curso máis na Galiza.

Román Rodríguez salientou entón o crecemento histórico de auxiliares de conversa, que en  tres lustros "multiplicou por 10 os 67 que había no ano 2009, no marco da aposta do Goberno galego por dar ao alumnado igualdade de oportunidades á hora de formarse en idiomas". Na mesma liña, subliñou o impacto desta iniciativa no marco da Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe 2030, aprobada en 2021 co obxectivo de acrecentar a "especialización na aprendizaxe de idiomas e mellorar os resultados do estudantado así como da rede de centros plurilingües, que este curso conta con 522 centros.

Porén, e malia recoñecer o "éxito" dun programa que ten contribuído "a situar os estudantes galegos co maior nivel de inglés do Estado español, segundo o informe Education First, o Goberno galego vén de anunciar que "terá que abandonar" o programa de auxiliares de conversa se o Goberno do Estado "non ofrece garantías". Reclama "seguridade xurídica" ao tempo que critica a "falta de coherencia" do Executivo español, ao que acusa de prexudicar o alumnado galego. A Consellaría de Educación pon o foco nas diverxencias entre o Ministerio de Traballo e o Ministerio de Educación, que no deseño do programa non outorga ás auxiliares de conversa a condición de traballadoras do Réxime Xeral da Seguridade Social que agora exixe a Inspección de Traballo e que noutros territorios derivou "en multas millonarias", afirma o departamento que dirixe Román Rodríguez.

"Desmantelamento"

O anuncio non gustou á Confederación Anpas Galegas, que vén de remitir ao conselleiro a súa profunda preocupación" ante a posíbel desaparición do programa dos centros públicos galegos. En declaracións a Nós Diario, a presidenta Isabel Calvete censura a decisión da Xunta e os seus argumentos. "Cando estás a facer recortes en educación é difícil atopar argumentos convincentes", asegura. Anpas galegas consideran as auxiliares de conversa un "recurso fundamental" para o desenvolvemento da competencia oral en lingua estranxeira do estudantado, ademais de "favorecer o enriquecemento lingüístico e cultural" nas aulas e "contribuír á igualdade de oportunidades" no ensino público galego.

A perda deste programa suporía "un novo retroceso" para a educación pública, din, que xa prescindiu do programa Raogal para o acompañamento e orientación persoal e familiar do alumnado máis vulnerábel "sen que a Xunta promovese alternativa ningunha para suplir esa falta" e segue sen dotar as aulas dos recursos necesarios para un ensino inclusivo. "É un continuo desmantelamento", resume Calvete. "É quitar por quitar. A que vén este aforro en educación pública e sen alternativas, porque non é algo puntual. O que indica é que non interesa que o ensino público funcione".

Así, mentres a Consellaría de Educación pide ao Goberno do Estado que rectifique a convocatoria actual do programa de auxiliares de conversa, Anpas Galegas chama o Goberno galego a "concretar" e situar no centro o estudantado. "Non se pode prescindir dun modelo que funciona se non se ten outro preparado xa" para poñer en marcha, asegura Isabel Calvete, quen reprocha á Xunta que recorra á confrontación política e a discursos "ocos" para desviar a atención "dos dereitos do alumando". "A base de recortes dificilmente imos avanzar", sentencia.

O programa de auxiliares de conversa, deseñado polo Ministerio de Educación, supón este curso un investimento de aproximadamente 5,2 millóns de euros, dos que a Xunta achega 4,8 millóns. O resto é cofinanciado polas administracións e entidades colaboradoras, como o Ministerio de Educación, a Comisión Fulbright, a Oficina do Consello Internacional da Lingua Chinesa–Hanban ou o Instituto Camões.