Pontevedra

Auxilian un usuario da residencia de Campolongo que camiñaba desorientado pola AP-9

Un axente asistiu o home na autoestrada. (Foto: Garda Civil)
Foi atopado á altura do quilómetro 129, en sentido Portugal.

A Garda Civil auxiliou nas últimas horas un home de 60 anos de idade, usuario da residencia de maiores de Campolongo (Pontevedra), que camiñaba desorientado pola autoestrada AP-9, á altura do quilómetro 129, en sentido Portugal.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde desta segunda feira, cando a Central Operativa de Servizos da Agrupación de Tráfico (COTA) da Garda Civil de Pontevedra recibiu numerosas chamadas pola presenza dun home camiñando pola autoestrada, co risco que iso supuña para o propio home e para os condutores.

Ao lugar desprazouse de inmediato unha patrulla, que localizou o home, con síntomas de estar desorientado. Após tranquilizalo, retirárono da vía e trasladárono a dependencias do Subsector de Tráfico.

Unha vez identificado, comprobaron que é usuario da residencia de maiores de Campolongo e, contactado o centro, os seus responsábeis confirmaron que faltaba un dos seus usuarios.