A autopsia confirma a morte violenta por asfixia da viguesa achada no Porriño

Axentes da Policía secreta recollendo mostras esta quinta feira no lugar do crime. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Malia que a muller aparentemente non presentaba feridas, si tiña introducido un anaco de tea na boca, posibelmente un pano, polo que morrería asfixiada. Os investigadores ven posíbel que a morte se producise noutro lugar e que o corpo fose trasladado e "depositado" onde logo foi atopado.

O informe preliminar da autopsia realizada ao corpo da muller achada na tarde desta quinta feira nunha zona de maleza do polígono industrial das Gándaras, no Porriño (comarca de Vigo), confirmou que foi vítima dunha morte violenta, tal e como xa apuntaban os primeiros indicios. Así o trasladaron fontes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, que explicaron que, unha vez ratificadas as sospeitas iniciais, iníciase unha "investigación criminal" para tratar de esclarecer as circunstancias desa morte e dar co autor ou autores dos feitos.

O cadáver foi identificado esta sexta feira, grazas ás pegadas dactilares e o recoñecemento por unha fotografía e unha tatuaxe, como Judith M.G., unha veciña de Vigo de 37 anos de idade cuxa desaparición non fora denunciada. Fontes coñecedoras da investigación sinalaron que a muller sería unha persoa drogodependente e apuntan que se encontraría en situación de prostitución. Nun primeiro momento tamén se valorou un posíbel crime machista. E, de feito, a Garda Civil aínda mantén abertas todas as hipóteses.

Polo momento, mantéñense abertas todas as hipóteses acerca da motivación deste crime, e o xulgado de instrución 3 do Porriño encárgase de coordinar as dilixencias. O corpo foi descuberto de forma casual na tarde da quinta feira por un transportista que baixou do seu vehículo na zona e viuno. O cadáver, vestido con roupa escura e sen pertenzas ou documentación, estaba oculto detrás dun colector e dun feche de pedras dunha leira, entre a maleza.

Trátase, porén, dunha zona bastante concorrida por vehículos, especialmente durante o día, xa que diante hai un taller e, pouco máis aló, a estación da ITV do polígono. Malia que a muller aparentemente non presentaba feridas, si tiña introducido un anaco de tea na boca, posibelmente un pano, polo que morrería asfixiada. Ademais, os investigadores ven posíbel que a morte se producise noutro lugar e que o corpo fose trasladado e "depositado" onde logo foi atopado.

Tanto esta quinta como a sexta feira os expertos de Criminalística da Policía Xudicial da Garda Civil estiveron na zona realizando inspeccións oculares e recollendo vestixios que poidan achegar luz sobre este suceso. Entre o material recollido está tamén o colector que había no lugar, que será examinado.

Minuto de silencio no Porriño

Decenas de persoas gardaron un minuto de silencio esta tarde no Porriño após a aparición do cadáver de Judith M.G.. Veciños e veciñas desta localidade e toda a corporación municipal, encabezada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, concentráronse ás 18 horas diante da Casa do Concello en lembranza á vítima.

Na sede do Goberno local estaba pendurado un lazo negro xigante pola morte violenta desta muller. Lorenzo expresou a "tristeza" da noticia, esperando que a investigación da Garda Civil aclare o ocorrido. Tamén se referiu a que este sábado, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, todos as actividades no municipio levaranse a cabo "coa maior reivindicación, máis que nunca", xa que este suceso podería tratarse dun caso de violencia machista.