A muller atopada morta no Porriño é unha veciña de Vigo de 37 anos cuxa desaparición non fora denunciada

Axentes policiais recollendo mostras no lugar no que apareceu o corpo da muller. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

Unha foto e unha tatuaxe permitiron unha primeira identificación, que foi confirmada logo a través das impresións dixitais

A Garda Civil identificou o cadáver da muller que apareceu esta quinta feira no polígono das Gándaras, no Porriño (comarca de Vigo) e confirmou que se trata dunha veciña de Vigo, Judith M.G., de 37 anos de idade, cuxa desaparición non fora denunciada.

Así o trasladaron fontes coñecedoras da investigación, que sinalaron que unha foto e unha tatuaxe permitiron apuntar á identidade desa muller, unha identidade que foi finalmente confirmada polas pegadas dixitais.

A muller vivía na cidade viguesa e, segundo apuntan as mesmas fontes, era unha toxicómana vinculada ao exercicio da prostitución. Se ben aínda non transcendeu canto tempo podería levar morta cando foi atopado o seu corpo, o que si se sabe é que non se formalizou ningunha denuncia pola súa desaparición.

O corpo da moza foi atopado de forma casual por un transportista na tarde da quinta, oculto nunha zona de maleza tras un contedor e unhas pedras de peche dunha leira, preto da estación de ITV do polígono industrial das Gándaras, no Porriño. Todo apunta, segundo os investigadores, a que a muller morreu noutro lugar e foi logo trasladada e "depositada" alí.

Nunha primeira impresión, o cadáver non presentaba signos visíbeis de violencia, pero a percepción cambiou cando se comprobou que a muller tiña un anaco de tea, posibelmente un pano, no interior da boca. O corpo estaba vestido con roupa escura e non tiña documentación que permitisen unha identificación inmediata.

A Garda Civil mantén abertas todas as hipóteses acerca da motivación detrás desta morte violenta, entre elas que se trate dun caso de violencia de xénero, aínda que non hai confirmación definitiva respecto diso e "non se desbota nada".

Axentes de Criminalística volveron ao lugar do achado esta sexta feIra pola mañá, onde realizaron unha nova inspección ocular e de onde se levaron, entre outros vestixios, o contedor á beira do cal foi atopado o corpo, para o seu exame en busca de indicios que axuden a esclarecer as circunstancias da morte.

O xulgado de instrución 3 do Porriño fíxose cargo da investigación. Segundo informaron fontes xudiciais, polo momento, está á espera de recibir o resultado da autopsia e das dilixencias que está a practicar a Policía Xudicial da Garda Civil, así como o resultado da inspección ocular.

Por outra parte, o Concello do Porriño convocou para as 18 horas de hoxe un minuto de silencio na praza Arquitecto Antonio Palacios da localidade, en sinal de repulsa pola morte desta muller. A vítima tamén foi lembrada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na súa intervención nun acto con motivo do 25N na capital compostelá.