A autocita para a vacinación poderá pedirse desde os 18 anos a partir da segunda feira

Julio García Comesaña e Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Xunta da Galiza)

A Consellaría de Sanidade ratificou esta sexta feira as características do sistema de autocita que, desde a segunda feira, se combinará co actual modelo de convocatoria "obrigada" desde o Sergas: poderán acceder a el menores de 30 anos que teñan "necesidades específicas" e maiores de 39 que, por distintas razóns, non fosen inmunizadas e estean pendentes de 'repesca'.

Nun acto en Ourense, no que tamén estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o conselleiro explicou que, por baixo dos 30 (o colectivo de entre 30 e 39 está a ser chamado agora polo sistema de "cita forzada" do Sergas) poderase recorrer á autocita "en principio" desde os 18 anos, aínda que "non se descarta" que dos 12 cara a arriba se poida aplicar.

Comesaña manifestou que a idea segue sendo manter o ritmo de vacinación empregando como criterio fundamental a idade e continuando co envío da cita polo sistema que se empregou até o momento.

A pesar de que subliñou que "esa é a prioridade" da Consellaría de Sanidade, trasladou que deixarán unha porcentaxe das citas, "en principio pequena para ver como responden", a persoas que teñan algún tipo de necesidade específica para adiantar a quenda. Puxo como exemplo o caso do estudantado Erasmus ou de persoas que por temas laborais así o necesiten.

"A nosa idea é manter a franxa de idade, agora mesmo de 30-39 anos con cita forzada e por baixo de 30 deixar ocos para esa autocita", expuxo.

Así mesmo, explicou que eses 'ocos" servirán para aqueles que xa foron chamados pero non asistiron e están "na repesca", incidindo en que serán dúas vacinacións "paralelas", "á cita forzada e aos ocos da autocita".

Franxa en cita forzada

"Haberá unha poboación que estea en franxa de cita forzada, co sistema clásico, e un número de ocos para xente máis nova que esa franxa de idade e para xente maior que non puido acudir no seu momento", incidiu, antes de facer fincapé en que a autocita non servirá nas franxas de idade que estean na cita forzada.

"En principio será para maiores de 18 anos" pero "sen descartar que sexa a partir de maiores de 12", dixo a respecto da franxa de idade.

Con todo, Comesaña salientou que se trata dun "oco complementario" porque o "obxectivo principal" segue sendo baixar por idade "porque está claro que é o maior factor de risco en caso de contaxio de coronavirus ou en caso de complicacións".