Un auto do Tribunal Supremo sentencia a alta dirección da CRTVG

O colectivo 'Defende a Galega' de persoal da CRTVG leva 286 semanas protestando pola "deriva" dos medios públicos galegos.
A Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) declara unha estrutura de alta dirección conformada por 37 persoas. Porén, un recente auto do Supremo que outorga firmeza a unha sentenza do TSXG acaba de apuntar que máis de 30 deses contratos estarían formalizados en fraude de lei polo ente público. 

O Tribunal Supremo (TS) vén de confirmar unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de abril de 2022 onde condenaba a CRTVG a indemnizar un membro do equipo de alta dirección da compañía con 173.303 euros por despedimento improcedente e cuestionaba a contratación da maior parte dos membros da estrutura de alta dirección do ente público. 
O auto do Alto Tribunal estatal, ao que tivo acceso Nós Diario, impugna a política de persoal seguida até data pola empresa e obriga a súa dirección a tomar medidas para axustarse ao disposto pola lexislación.

O auto do supremo impugna a política de persoal da crtvg

As fontes xurídicas consultadas por este xornal indican que o auto do TS outorga firmeza á sentenza emitida con anterioridade polo TSXG e confirma a ilegalidade da práctica totalidade dos contratos de alta dirección da CRTVG. Neste sentido, apuntan a que atendendo unicamente ao plano orgánico de dependencia xerárquica directa da Dirección Xeral do ente público, de 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 30 estarían en fraude de lei. Nesta situación, atoparíanse directores e directoras de departamento e xefes e xefas de servizo, todos eles cargos de responsabilidade na estrutura do ente público.

Os mesmos especialistas xurídicos explican que o número de membros do equipo de alta dirección contratados en fraude de lei podería ser aínda maior atendendo ao plano material, isto é o exercicio autónomo de poderes inherentes á titularidade xurídica da empresa e relativo aos seus obxectivos xerais. Sexan 30 as persoas incluídas neste suposto, ou for un número maior desa cifra, os xuristas ligados por este medio entenden que o auto do Tribunal Supremo invalida toda a estrutura directiva da CRTVG e abre a porta á posterior demanda de responsabilidades penais.

A argumentación xurídica empregada polo TSXG na súa resolución de abril, sinala que non cabe confundir a alta dirección co exercicio de determinadas funcións directivas, fenómeno de delegación de poder sempre presente en organizacións complexas que, lonxe de afectar os obxectivos xerais da empresa, se limitan ao ámbito dun servizo técnico claramente instrumental respecto da finalidade fundamental da empresa. Neste sentido, resolve que as funcións directivas ordinarias fican sometidas ao ordenamento laboral común, propias dunha relación laboral ordinaria. Precisamente, nesta casuística se encontraría a maioría dos membros do equipo de alta dirección da CRTVG.

A normativa estabelece que a designación deste persoal directivo só pode realizarse, quer mediante convocatoria pública, con abrigo en sistemas de selección baseados nos principios de igualdade mérito e capacidade, quer mediante o nomeamento de persoas traballadoras do cadro de persoal. Nesta liña, os expertos xurídicos consultados por Nós Diario consideran que a CRTVG estaría saltándose o procedemento legalmente estabelecido para a cobertura de determinadas funcións directivas non suxeitas ás comprendidas nos postos de alta dirección.  

As denuncias de irregularidades no aparato de alta dirección da Compañía de Radio Televisión da Galiza non son novas. Sen ir máis lonxe, o Consello de Contas, nun informe de fiscalización do ente público presentado no ano 2010, advertía de supostas ilegalidades na política de persoal da compañía e de, forma moi particular, dos seus postos directivos. Malia o tempo transcorrido, as anomalías evidenciadas naquela altura non foron corrixidas nos seus aspectos centrais até a actualidade. O relatorio do Consello de Contas sinalaba que “polo que respecta ao Grupo CRTVG resulta evidente que, aínda no máis favorábel dos sentidos, grande parte do persoal denominado directivo, coas excepcións do Director Xeneral e dos Directores Xerentes da TVG e RTG non cumpren os requisitos esixidos para a súa consideración como persoal de alta dirección”. Nesta liña, advertía de que “arredor de 5% dos efectivos estruturais de grupo CRTVG vincúlanse ao mesmo a través de contratos de alta dirección”, supondo o seu custo para a empresa na actualidade máis de 2 millóns de euros.

O consello de contas xa advertiu en 2010 das irregularidades na designación de altos directivos

As dúbidas sobre a legalidade desta formula estaban xa presentes nas conclusións do traballo Consello de Contas. A este respecto, o órgano fiscalizador sinalaba que para exercer como persoal de alta dirección na CRTVG  “o interesado exercite poderes inherentes á titularidade xurídica da empresa, o que implica fundamentalmente a capacidade de levar a efecto actos e negocios xurídicos en nome da mesma”.

Ao tempo, afirmaba que “os poderes mencionados deben afectar a obxectivos xerais da entidade” e “que o exercicio da actividade expresada debe efectuarse con autonomía e plena responsabilidade que só pode ficar limitada polas instrucións impartidas por quen asume a titularidade”. 

A sección sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) da CRTVG denuncia que “xordo ao informe do Consello de Contas e en contra do máis elemental principio de prudencia, o director xeral continuou facendo contratos de alta dirección para designar a dedo persoal directivo afín co único obxectivo de asegurar o control político da CRTVG, mesmo tendo que soportar esta unha maior carga económica en concepto de salarios e indemnizacións por despedimentos”.

A CIG pide restabelecer a legalidade na CRTVG a favor da súa independencia

As derivadas legais e políticas deste auto do Tribunal Supremo darán que falar nas próximas semanas. Neste sentido, a sección sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) avanza a presentación dunha demanda de conflito colectivo “unha vez que recorrer á contratación externa non parece o sistema de provisión máis axeitado para cubrir postos estruturais”. Así, a central sindical adianta que “en caso de haber declaración da situación administrativa de servizos especiais de persoas funcionarias que ocupan postos de alta dirección na CRTVG en fraude de lei, solicitará á Dirección Xeral de Función Pública a revisión de oficio das correspondentes resolucións”. Neste sentido, apunta a que “de non se cumpriren os requisitos legais para a declaración (e, no seu caso, mantemento) da situación de servizos especiais, esas persoas non poden estar beneficiándose de vantaxes, en comparanza cunha excedencia por incompatibilidade”. A central sindical nacionalista, “diante da grave situación de inseguridade xurídica en que fica a CRTVG en todos os seus ámbitos de actuación", fai un chamamento aos poderes públicos galegos para "actuaren a fin de restablecer a legalidade na corporación pública". Nesta perspectiva, aposta pola “elección do director xeral por maioría cualificada do Parlamento da Galiza e a designación do cadro directivo entre o persoal propio, con criterios de profesionalidade, como medidas necesarias para garantir a independencia da CRTVG e o cumprimento das misións de servizo público para as que foi creada”.