Australia toma nota das Brigadas deseucaliptizadoras galegas

Un estudo australiano aplaude a iniciativa ambientalista de base popular.

As Brigadas deseucaliptizadoras naceron en 2018 como unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza. Un proxecto que ampliou obxectivos á loita contra outras especies invasoras, como as acacias, e que desenvolveu centos de iniciativas, accións e proxectos nestes anos. Agora, un estudo especializado en Australia vén de tomar nota desta experiencia.

Wattle: Australian Acacia Species Around the World, dirixido por David M. Richardson, Johannes J. Le Roux, e Elizabete Marchante, é unha investigación que ofrece unha visión xeral sobre máis de 1.000 especies de árbores e arbustos do xénero acacia, a maioría nativas de Australia. Examina a bioloxía, a ecoloxía, a evolución e a bioxeografía das acacias alí onde está presente no mundo.

Nesta liña, o traballo cita o proxecto de intervención das "Brigadas deseucaliptazadoras e desacaciadoras" como un exemplo de  intervención cívica en áreas forestais de alto risco de incendio  e do control de especies exóticas invasoras, como as acacias.

"No marco desta iniciativa, grupos de voluntarios reúnense varias veces ao mes en distintas localidades [da Galiza] e están organizados por asociacións ecoloxistas e grupos da sociedade civil do territorio. Agrupan por volta de 1.300 voluntarios e voluntarias, que contribúen ao control  de especies invasoras, principalmente en terreos comunais, mais tamén en terreos privados", destácase neste traballo.

O proxecto, ademais, "funciona como valiosa ferramentas de sensibilización e formación que reforzan a importancia de implicar aos cidadáns na xestión", conclúen.