Morre en Teixeiro un preso que non recibiu tratamento contra a hepatite C

Plataforma de afectados pola Hepatite C

Esculca vén de advertir da morte dun preso do cárcere de Teixeiro por problemas hepáticos, após non recibir o tratamento para a hepatite C. A Fiscalía denunciou o Sergas.

Un preso do cárcere de Teixeiro, con iniciais J.V.P., faleceu a semana pasada debidos aos problemas hepáticos que padecía. Segundo alerta Esculca, o interno non recibira tratamento para a hepatite C que sufría.

A Fiscalía presentou unha denuncia contra o Sergas por responsabilidades penais derivadas de non facilitar medicamentos a persoas enfermas que acaban falecendo.

Estímase que na Galiza hai máis de 850 reclusos e reclusas con hepatite C, o 20% do total. É dicir, unha de cada cinco persoas ingresadas nos penais do país sofren esta doenza. Segundo a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, os presos e as presas non están a ter acceso aos fármacos de nova xeración por un contencioso entre o Sergas e o Ministerio do Interior sobre cal das dúas institucións deben facerse cargo do seu custo.

O TSXG resolveu o conflito cunha sentenza que empraza o Sergas a facerse cargo do tratamento

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), de 20 de maio de 2015, resolveu o conflito en relación cun interno ao que lle foi suspendido o tratamento. Segundo a máxima instancia xudicial galega, o Sergas debe facerse cargo do mesmo ao non poder prevalecer o interese económico sobre o dereito á atención sanitaria. 

A plataforma estima que só arredor dunha decena de reclusos e reclusas están a ser tratadas desta doenza. Porén, a entidade advirte da dificultade de acceder aos datos reais debido á falta de transparencia coa que actúan Institucións Penitenciarias e o Ministerio do Interior.