A falta de ambulancias no Morrazo leva o persoal sanitario a desprazarse en taxi para atender emerxencias "graves"

Acusan o Sergas de "falsear" os tempos de espera nas emerxencias sanitarias. (Foto: Nós Diario)
A CIG acusa o Sergas de "ocultar datos" sobre a realidade da asistencia médica extrahospitalaria na comarca, onde contan só con tres vehículos en nómina para atender unha poboación de máis de 50.000 persoas.

Os municipios morracenses de Bueu, Cangas e Moaña suman no seu conxunto unha poboación de 58.191 persoas, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE). Porén, son só tres as ambulancias que atenden as emerxencias na comarca e que, en consecuencia, están "permanentemente ocupados" ao longo do ano, o que provoca que teñan que reforzar o servizo vehículos con base noutras localidades, nomeadamente Vigo, Redondela e Pontevedra.

Esta é a denuncia que vén de facer pública a CIG-Saúde, que alerta dun considerábel aumento no tempo de asistencia das urxencias sanitarias, especialmente durante o verán, polo que urxe un reforzo do servizo por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

"As ambulancias do 061 son enviadas a atender as emerxencias no Morrazo desde os hospitais de Vigo cando o persoal sanitario aínda non rematou de realizar a asistencia e o traslado do anterior paciente. A seguinte asistencia neste tipo de ocasións pode demorarse máis de media hora", lamentan desde a central sindical.

Mais o tempo real de espera, insisten, non se reflicte nas estatísticas oficiais do Sergas, organismo ao que acusan de "falsear" os datos co obxectivo de reducir eses rexistros: "Só se está a computar o tempo que tarda a ambulancia en chegar desde que queda operativa tras unha asistencia anterior, e non o tempo que transcorre mentres o paciente agarda a que unha ambulancia estea dispoñíbel".

Ambulancias "sen supervisión"

En ocasións mesmo chegan a empregarse, sinalan, ambulancias de fóra da rede de transporte sanitario público, que "non contan coa máis mínima supervisión por parte do Sergas sobre o tipo de vehículos, o material ue dispoñen, o número de profesionais e a súa titulación".

"Estas ambulancias non contan en ocasións coa posibilidade de realizar asistencia técnico-sanitaria en ruta e pertencen a empresas privadas que non teñen licitación de concurso público coa Administración. Por este motivo, cobran en función do número de servizos que realizan", explican desde a CIG.

Cando se avoga por este método cóbrase en función do número de servizos realizados, isto é, "cantos máis servizos e máis rápido, mellor, sen atender a calidade na asistencia".

Atención de emerxencias en taxi

Un procedemento xa "normalizado", censuran desde o sindicato, é que o persoal dos centros de saúde acoda en taxi a atender urxencias sanitarias de prioridade baixa.

Porén, hoxe é "cada vez máis frecuente" que, por mor da falta de ambulancias do 061, as e os profesionais da Atención Primaria boten man do taxi para desprazarse a atender emerxencias de "primeiro nivel de gravidade".

O Sergas defende a súa xestión

A versión que ofrecen desde o Sergas, porén, amosa unha realidade ben distinta: sosteñen que a mobilización de ambulancias desde lugares afastados responde a "situacións puntuais" e que acudir en taxi por unha urxencia vital é "un procedemento habitual e normalizado".

Aliás, defenden que non é preciso realizar inspeccións periódicas dos vehículos de alén da rede de transporte sanitario público porque conta co "compromiso por escrito" da empresa que ofrece o servizo de que cumpre coa lexislación vixente.