Aumentan as voces que piden a dimisión da xerente da área sanitaria de Santiago

Persoal sanitario (Oscar J. Barroso / Europa Press)

A mediados do pasado mes de maio o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmaba a Nós Diario que os positivos de COVID-19 entre as súas traballadoras ascendía a 2.066 desde que comezara a pandemia. Naquela altura, eran 1.031 profesionais contaxiadas polo coronavirus que aínda non superaron a enfermidade.

Un dato importante, pois indicaba que 51% dos casos de COVID-19 activos daquela na Galiza eran de persoal sanitario. Estes traballadores e traballadoras sufriron especialmente o virus. Por iso as declaracións da xerente da área de Santiago que responsabilizaba de contaxiarse “nas salas de café” caeu como unha bomba.

Cada vez son máis voces as que piden medidas para Eloína Núñez, a xerente.  CIG-Saúde anuncia que vai dirixir un escrito ao presidente da Xunta e mais ao conselleiro de Sanidade reclamándolle que adopten as medidas necesarias ante “as irresponsábeis declaracións”. A Asociación pola defensa da sanidade pública pide que dimita ou ben que a cesen, por considerar que fica incapacitada para exercer a responsabilidade que ostenta.

Desde o colectivo Enfermeiras en Loita lembran á xerente que o 18 de marzo un documento coa súa sinatura non recomendaba o uso xeral de máscaras no ámbito hospitalario. “Todo cordura”, engade o colectivo, tendo claro que á hora de sinalar posíbeis focos de contaxio este sería máis importante que as “salas de café”.

Tamén CCOO e UXT pediron a dimisión da xerente.