Indignación no persoal sanitario coa xerente da área de Santiago por acusalo de contaxiarse “nas salas de café”

Persoal sanitario (Europa Press)

Enfermeiras en Loita lembra un documento da xerente na que non recomendaba o uso xeral de máscaras no ámbito hospitalario e a Federación de Sanidade de CCOO pide á Consellaría a destitución de Eloína Núñez á fronte da Xerencia.

A xerente da área sanitaria de Santiago insinuou que o persoal se contaxiaba “nas salas de café”, de onde retiraron cadeiras porque “daban lugar a favorecer o contaxio entre eles”, segundo declarou Eloína Núñez nunha entrevista nun xornal. Unhas declaracións que xeraron un grande malestar entre o persoal sanitario.

"Chegou un momento no que nas salas de café que hai nas plantas retiramos as cadeiras de brazos onde sentaban os profesionais, porque isto facía que estivesen xuntos máis sanitarios, o que daba lugar a favorecer o contaxio entre eles", afirmaba a xerente. Unha frase que nestas horas correu como a pólvora nas redes sociais e grupos de whatsapp, entre a indignación e o enfado de profesionais da sanidade. 

Desde o colectivo Enfermeiras en Loita lembran á xerente que o 18 de marzo un documento coa súa sinatura non recomendaba o uso xeral de máscaras no ámbito hospitalario. “Todo cordura”, engade o colectivo, tendo claro que á hora de sinalar posíbeis focos de contaxio este sería máis importante que as “salas de café”.

A Federación de Sanidade de CCOO esíxelle unha rectificación pública á xerente da área sanitaria e pedirá á Consellaría de Sanidade que a destitúa da Xerencia. O sindicato repróchalle ra Núñez que obviase as responsabilidades da propia Administración.