Aumentan as vítimas de violencia de xénero, pero denuncian menos

Imaxe de arquivo dunha manifestación contra a violencia machista (Foto: Europa Press)
En 2020 presentáronse 6.097 denuncias por violencia de xénero, un 7% menos que en  2019

Durante o ano pasado os xulgados galegos recibiron 6.097 denuncias por violencia de xénero. Esta cifra supón un 7% menos que no ano anterior, cando se presentaron 6.551, consecuencia do confinamento, xa que foron eses meses nos que menos denuncias se puxeron, a pesar de que os xulgados especializados en violencia sobre a muller foron considerados actividade esencial e seguiron funcionando. 

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) informou de que o 79,2% das denuncias, un total de 4.831, chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Das recibidas no cuarto trimestre de 2020, 1.425, 32 delas foron realizadas por menores de idade

Na Galiza rexistráronse 6.063 mulleres vítimas de violencia de xénero en 2020, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao período anterior, cando se contabilizaron 5.997, segundo consta na estatística do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero. O organismo apuntou onte que “os datos evidencian que as vítimas se mantiveron” no territorio, e mesmo aumentaron lixeiramente, “pero denunciaron menos”. 

2009 ordes de protección e seguridade das vítimas

Ao longo do ano pasado, 672 vítimas acolléronse á posibilidade de non declarar como testemuñas, un 83,6% máis que no exercicio anterior, no que se contabilizaban 366 mulleres. 

Nos xulgados galegos de violencia sobre a muller solicitáronse 2.009 ordes de protección e seguridade das vítimas, das cales se adoptaron 1.291. As medidas denegadas, con todo, medraron un 7,7% con respecto ao ano anterior. 

En 2020, 748 persoas foron xulgadas por violencia de xénero, das cales 634 foron condenadas, o 84,76%. En canto á relación que mantiñan as vítimas cos denunciados, a estatística reflicte que no 38,42% dos casos eran ex parellas. 

Pola súa banda, os xulgados de menores axuizaron nove persoas por violencia de xénero, fronte ás once de 2019, e só un quedou sen imposición de medidas.

Galiza sitúase como cuarto territorio coa taxa de violencia de xénero máis baixa do Estado, de 43,3 vítimas por cada 10.000 mulleres, por detrás de Castela e León, con 39 vítimas, Aragón con 40,2, e Estremadura, con 41,4. A taxa do conxunto do Estado español é de 60,2. 

Ningunha vítima asasinada na Galiza

Segundo o balance do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, no que vai de ano ningunha vítima de violencia de xénero foi asasinada na Galiza. Non obstante, durante o ano 2020 dúas mulleres foron asasinadas, un caso menos que en 2019 e en 2018. No ano 2017 foron dúas mulleres as que morreron vítimas da violencia e, en 2016, catro. 

No que respecta ás chamadas ao teléfono 016, no Estado español, durante o mes de febreiro realizáronse 4.475 chamadas. Isto mantén o descenso de chamadas despois do pico do mes de abril de 2020, con 8.692 avisos realizados ao teléfono de axuda a vítimas de violencia de xénero.

En canto ás outras vítimas que deixa este tipo de violencia, as crianzas orfas, o Ministerio de Igualdade contabilizara que foron 26 as e os menores que ficaron sen os seus proxenitores. No ano anterior, 2019 foran 46 foron; en 2018, 39 e no ano 2017 houbo 26 menores orfos por violencia de xénero.