Aumentan as protestas contra os recortes sanitarios no verán
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciara en maio que de cara á cobertura sanitaria do verán ían facer "exactamente o mesmo" que na tempada de 2024. Un plan baseado en persoal médico voluntario, ampliacións de xornada e residentes de cuarto curso que para Caamaño garantirían a cobertura da sanidade pública. Mais só nesta semana, catro mobilizacións veciñais poñen en cuestión esa afirmación.
Esta quinta feira houbo mobilización en Compostela, ante a sede da Consellaría de Sanidade, da veciñanza de Moaña (O Morrazo), que acumula 192 semanas de protestas para reclamar a devolución do servizo de Urxencias, suprimido na pandemia. A alcaldesa, Leticia Santos, explica a Nós Diario que nestes momentos na quenda de tarde, de cinco prazas, só hai tres cubertas. "Este ano non fechan o centro de saúde, como o ano pasado, pero mantéñeno aberto a base de máis precariedade para o persoal".
Santos estivo esta quinta en Compostela, con máis de medio cento de veciños e veciñas, para entregar as 1.700 sinaturas recollidas para exixir o retorno do PAC-Urxencias. No convenio asinado en 2020 entre o Concello e Sanidade para a cesión de terreos para a construción do centro de saúde figuraba que debía de ter un PAC. Porén, agora, a Consellaría evita confirmar ao Concello se o centro terá ese servizo. “Desde marzo solicitamos até en tres ocasións a reunión da comisión de seguimento prevista no propio convenio para tratar este tema e non recibimos resposta”, sinala Santos. “É unha falta de respecto ao Concello de Moaña”. A alcaldesa afirma que o Concello non desbota recorrer á vía xudicial para exixir o cumprimento do asinado entre ambas as dúas partes no convenio.
En Ribeira, sen médicos
Veciñanza de Ribeira (O Barbanza) concentrouse esta quinta ante o seu centro de saúde para denunciar a cronificación da falta de persoal. "Faltan médicos de forma crónica, xa non se molestan nin en cubrir vacacións nin baixas", manifesta a este xornal Marián Rodríguez, pediatra e membro da plataforma en defensa da sanidade pública desta comarca. "Hai 1.500 pacientes que levan máis de un ano sen médico de referencia", indica. Sobre o plan de verán anunciado polo Sergas, apunta "que eses reforzos que mandan veñen para tapar provisionalmente as vacantes crónicas". Esta sexta, no mesmo concello, haberá outra concentración, esta vez en Aguiño, para denunciar que de dous médicos do centro só hai un.
Das Rías Baixas á Mariña
Esta semana, as mobilizacións principiaron a cuarta feira en Catoira (comarca de Caldas), cunha protesta para reclamar un médico e un pediatra. Ese mesmo día, en Tui (Baixo Miño) a Plataforma en defensa da sanidade pública denunciou que faltaban catro médicos no centro de saúde e un servizo de pediatría que só funciona de mañá. Nos vindeiros días está previsto que haxa máis concentracións, por exemplo, en Cervo (A Mariña), o día 17, ante o centro de saúde e para denunciar a situación da Atención Primaria.
"Verán de mobilización"
SOS Sanidade Pública chamou esta semana a "un verán de mobilización" en toda Galiza contra o feche de camas e contra a falta de persoal nos centros de saúde. "Vemos como hai mobilizacións en moitas comarcas para denunciar a situación da sanidade", sinalou o portavoz da plataforma, Manuel Martín.

