Aumentan os positivos por COVID-19 nas residencias galegas: 112 usuarias, 37 traballadoras e 9 falecementos

(Europa Press)

Os contaxios aumentan en 11% desde esta quinta feira.

Os casos positivos de coronavirus nas residencias de maiores de Galiza aumentaron 11,19 por cento desde a pasada xornada e actualmente hai 149 persoas afectadas, 112 usuarias (+6) e 37 empregadas (+9).

No último boletín da quinta feira emitido ás 21,00 horas, a Consellería de Política Social informaba de 134 casos positivos, 106 de usuarias e 28 de traballadoras.

Desta maneira, o incremento total de diagnosticados en todas as residencias de maiores de Galiza supón 11,19%; con todo, o maior aumento afecta ao ámbito das traballadoras, onde se aprecia un crecemento de 32,14%.

Os novos casos de coronavirus entre residentes detectáronse na residencia DomusVi Barreiro de Vigo que contabiliza 39 afectadas (+5 respecto de onte); en Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras con 5 pacientes (+2); en DomusVi Cangas cun total de 6 (+2) e un novo caso na residencia de Arteixo, que se suma á lista de centros infectados.

A estes dez diagnósticos positivos deben restarse catro persoas que faleceron nas últimas horas e que proviñan, dúas delas, da residencia de anciáns de El Portazgo da Coruña --que mantén 10 afectados-- e outros dúas de DomusVi San Lázaro de Santiago --que rexistra 22 usuarias contaxiadas--.

En total, Galiza contabiliza nove vítimas mortais que residían en centros de maiores. Ademais deste catro, os pasados días faleceu unha persona que vivía en Fogar Bellolar da Coruña, outra de DomusVi San Lázaro, outra de San Carlos de Celanova, outra de DomusVi Barreiro e outra de DomusVi Carballo.

No resto de centros de maiores permanecen estábeis as cifras que se manexaban a pasada xornada.

Persoas con discapacidade

Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade os casos confirmados por Política Social mantéñense cun total de sete afectadas en Aspronga (1), Redondela (4), Aixiña (1) e Santa Cruz de Rosendo (1).

Ao mesmo tempo, a cifra de traballadoras que padecen o virus mantense en seis: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos e outro na de Santiago.