Sinistralidade viaria

Aumentan na Galiza as vítimas mortais en accidentes de tráfico e baixan no Estado

Estrada N-642 Ribadro [Imaxe: Google Maps]

O novo estudo publicado pola Dirección Xeral de Tráfico sinala un aumento nun 5% o número de vítimas mortais en accidentes de tráfico na Galiza respecto do período anual anterior. Mentres, o Estado acada mínimos históricos en número de accidentes e vítimas.

Na Galiza aumenta un 5% o número de vítimas mortais en sinistros nas estradas, tal e como revela o novo informe publicado pola Dirección Xeral de Tráfico que estuda o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 1 de xullo de 2019. Durante este tempo na Galiza producíronse 6 accidentes mortais máis que no anterior período (44 fronte a 38) e incrementáronse en 8 os falecementos por esta causa (47 fronte os 39 do anterior período).

Na Galiza producíronse 6 accidentes mortais máis que no anterior período e incrementáronse en 8 os falecementos

Mentres na Galiza soben as tráxicas cifras, o Estado acada un novo mínimo histórico de falecementos producidos nas estradas. Os datos publicados na segunda feira 1 de xullo pola Dirección Xeral de Tráfico rexistran por segunda vez desde que hai este tipo de estudos un número inferior a 500 accidentes mortais nos primeiros seis meses do ano.

Coas cifras que achega a DXT, só a Galiza e Madrid sofren un crecemento exponencial en sinistros mortais. Salientan positivamente os datos de Castela e León e Valencia, que reduciron en 20 e 25 respectivamente as persoas falecidas. No total do Estado os accidentes mortais reducíronse en 37 e as vítimas mortais en 53.

Reclaman competencias de tráfico para a Galiza gañar en seguridade viaria

En xaneiro de 2019 o pleno do Parlamento galego votaba por unanimidade unha proposición non de lei do BNG enunciada polo deputado Luís Bará a prol de igualar o autogoberno galego ao vasco e catalán en de tráfico, reclamando as competencias para a Galiza nesta materia. De feito hai unhas semanas que o nacionalismo denunciou a cifra que Galiza case acada (10%) en canto á mortandade nas estradas de todo o Estado cando somos apenas o 5% da poboación.

O pasado 28 de xuño o portavoz parlamentar do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, apresentou tamén no Parlamento un texto legal que contempla o despregamento dunha policía autonómica con competencias sobre o tráfico. Leiceaga puxo tamén en destaque que Catalunya e Euskadi xa teñen esta competencia e dixo que no caso vasco, con condicións orográficas semellantes ás galegas, os índices de siniestraliedade son inferiores aos rexistados no noso país.

De facto, mentres a Galiza aumentou este período en 6 accidentes mortais e 8 falecementos, Catalunya baixou en 4 accidentes acontecidos e 15 persoas falecidas.