Medra a preocupación pola varíola dos macacos, con 42 casos na Galiza: É letal? Que fago se me contaxio?

Unha persoa con síntomas da varíola dos macacos. (Foto: Marina Demidiuk)
A enfermidade espallouse por diferentes puntos do país desde que o pasado maio Sanidade confirmou o primeiro caso.

A finais do pasado mes de maio a Consellaría de Sanidade confirmou o primeiro caso de varíola dos macacos na Galiza —en concreto, na área sanitaria da Coruña e Cee— e, desde entón, a doenza non deixou de estenderse polo país adiante.

Segundo o último informe publicado polo Ministerio, son xa 42 os contaxios confirmados desta variante da varíola en territorio galego, a meirande parte deles na área de Vigo. No conxunto do Estado español ascenden a 4.577, a inmensa maioría detectados en Madrid (1.766) e Catalunya (1.463).

En total, no mundo confirmáronse até o momento actual 23.955 casos, polo que o Estado español concentra un de cada cinco e só os EUA superan o seu rexistro, con 5.832.

É a varíola dos macacos letal?

Nos últimos días faleceron no Estado español coa varíola dous homes, un valenciano e un andaluz, que roldaban a trintena de anos. Con todo, segundo explica nos seus informes sobre a varíola símica a Organización Mundial da Saúde (OMS), que a declarou "emerxencia de saúde pública internacional" dúas semanas atrás, a taxa de letalidade fica "entre 1 e 10%".

Mais matiza que a mortalidade "pode variar" en función de diferentes factores, como o propio acceso á atención médica. Aliás, advirte que pode tratarse dunha "sobreestimación", dado que se calculou con base en épocas pasadas nas que a vixilancia da varíola "era escasa".

Cales son os síntomas?

O período de incubación da varíola dos monos é de entre seis e 16 días, malia que pode oscilar de cinco a 21. A infección ten, segundo explica a OMS, dúas fases. A primeira, de 'invasión', que se caracteriza pola febre, cefalea intensa, dor lumbar, dor muscular e falta de enerxía.

O período de erupción cutánea —entre 1 e 3 días despois do inicio da febre—, cando aparecen as distintas fases do exantema, que polo xeral afecta primeiro o rostro e logo esténdese ao resto do corpo.

As zonas máis afectadas son o rostro —95% dos casos—, as palmas das mans e as plantas dos pés —no 75% dos casos—. A eliminación completa das costras pode tardar até tres semanas.

Que fago se creo que padezo a varíola dos macacos?

Os protocolos vixentes estabelecen que, no caso de ter posíbeis síntomas desta enfermidade, e do mesmo modo que aconteceu desde 2020 coa Covid-19, cómpre en primeiro lugar notificalo ás autoridades sanitarias para realizar unha proba de detección.

No caso de dar positivo, e tamén mentres non se recibe o resultado, a dirección xeral de Saúde Pública insta a gardar un período de corentena, evitar na medida do posíbel o contacto coas persoas conviventes e manter cubertas as lesións cutáneas baixo a roupa.