Aumentan os casos de abandono animal chegando case aos 28.700 neste ano

O pasado ano abandonáronse un total de 27.000 animais na Galiza. (Foto: Jesús Hellín, Europa Press)
As adopcións chegaron a triplicarse nos últimos catro anos

Entre 28.000 e 28.700 animais foron abandonados no que vai de ano na Galiza segundo as estimacións da Fundación Franz Weber. Así o explicou a Nós Diario Rubén Pérez, membro desta fundación, sostendo que 2022 será outro ano de incrementos de abandonos, que superarán en ao redor de 1.700 os casos rexistrados no ano pasado. Ás portas da conmemoración do Día Internacional dos Dereitos dos Animais, que decorre este sábado 10 de decembro, Nós Diario conversa con diferentes protectoras do país para coñecer a situación. 

A presidenta do Refuxio de Bando, Olalla García, explica que en 2021 recibiron un total de 936 animais e, no que vai de ano, rexistraron 863, mais supoñen que a cifra acabará sendo moi semellante. García explica que o número de abandonos depende moito dos concellos. Este refuxio traballa nos municipios de Santiago, Teo, Vedra, Boqueixón, Brión, Touro, Val do Dubra, Dodro, Trazo e Padrón, polo que as cifras non son comparábeis. “De Vedra recibimos 20 animais ao longo dun ano, mentres que de Santiago pasan dos cen”. García sinala que o maior problema que atopan no refuxio son as camadas de gatos que lles chegan durante a primavera. “Este xaneiro chegaron uns sete gatos mentres que en xuño máis de 70”.

García explica que no Refuxio de Bando están a rexistrar moitos abandonos de cans de caza, unha situación parecida á que vive a Asociación Amigos da Canceira de Ordes. Unha das súas voluntarias, Salomé Regos, explica a este xornal que se “abandonan máis cans en temporada de caza”. Sostén que desde hai un ano, os concellos limítrofes a Ordes, como o caso de Cedeira, comezaron a facerse cargo das recollidas dos animais perdidos ou abandonados, unha cuestión que, a pesar de ser obrigatoria, algúns municipios non cumprían. Nesta liña, en 2020 a asociación chegou a recibir máis de 100 animais, mentres que, este 2022, o número reduciuse a 40, mais non porque os abandonos diminúan, senón porque os concellos se fan cargo das especies.

De feito, a presidenta da Protectora de gatos e cans de Ourense (Progape), Area Cid, indica que o número de animais que aparecen perdidos na vía pública (porque escaparon ou porque foron abandonados) descendeu, mentres que aumentaron as persoas que deciden entregar o seu animal nas protectoras ou refuxios. Isto é debido a que “cada vez hai máis animais identificados”; no caso dos cans é obrigatorio que leven microchip. Así, sinala Cid, “pasamos de ter unha entrega semanal por parte dunha propietaria a ter catro ou cinco nos últimos dous anos”.

Regos sinala un aumento considerábel das adopcións, e calcula que nos últimos catro anos se triplicaron. “Nótase sobre todo na zona rural; hai maior concienciación e as adopcións incrementáronse” fronte á compra-venda. Así, dos 40 animais que recibiron, nestes momentos só teñen catro. Porén, tamén destaca a cantidade de casos de animais que reciben con signos de violencia. “Arredor de 80% dos cans que entran [na protectora] teñen un medo terríbel, están enfermos, con cancros, feridos...”. Isto mesmo sostén a voluntaria da protectora Os Biosbardos (Ponteareas), Laura Villaverde, que afirma que reciben “animais desnutridos, desatendidos e con sarna” engadindo que “o abandono en si xa é maltrato”.

As protectoras din que a Lei de Benestar Animal é "insuficiente"

Este outubro o Congreso dos Deputados deu luz verde ao proxecto de Lei de Benestar Animal, que aínda segue a trámite. Esta lei busca evitar o abandono, os sacrificios e o maltrato animal, entre outras cuestións. Porén, as representantes das diferentes protectoras coas que contactou este xornal concordan en que, se ben calquera avance resulta “positivo”, a lexislación vixente ao respecto dos dereitos dos animais non é suficiente.

Nesta liña, Laura Villaverde afirma que este último ano recibiron moitos avisos “de cans encadeados ou fechados todo o día” aínda que “coa nova lei suponse que non isto non podería acontecer”. Laura Villaverde sinala que seguen a “pelexar” para que “os cans de caza estean incluídos [na protección que ofrecerá a nova lei]” e critica a discriminación "por razas".