Aumentan a 24 os positivos por Covid nun colexio do Barco, que mantén cinco aulas pechadas

Aulas nun centro (Nós Diario)

Os contaxios nos centros de ensino da Galiza duplican os de hai un ano

Os casos activos de Covid-19 confirmados no CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, no municipio do Barco de Valdeorras, aumentan a 24 e mantéñense cinco aulas pechadas pola incidencia deste coronavirus.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da Consellaría de Educación após o brote escolar relacionado co CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, que a pasada sexta feira contaba con 19 casos.

A pasada semana, tras detectarse o foco, programouse o cribado dunhas 400 persoas, entre alumnos e traballadores do centro educativo, ademais dos convivientes dos casos positivos.

A pasada quinta feira,xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, explicou que este foco orixinouse no transporte escolar e "está a afectar un colectivo de nenos, fundamentalmente menores de 15 anos".

Dúas semanas despois do inicio das clases en Infantil e Primaria hai 364 casos activos nos centros educativos, 203 máis que na mesma data no ano 2020. As autoridades sanitarias xa fecharon, cando menos, 17 aulas. As ANPA denuncian as elevadas ratios nas aulas ordenadas pola Xunta, que aumentan a concentración de estudantes por aula e favorecen o contaxio. Denuncian tamén o recorte de profesorado e desdobres.