Aumentan a 15 os contaxios da Covid-19 entre o persoal do hospital de Ferrol

Vista dun lateral do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. (Foto: Europa Press)
As persoas afectadas traballan na planta que se reservou no Arquitecto Marcide para atender os casos vinculados coa pandemia. Todas as persoas contaxiadas gardan corentena nas casas.

O gromo de coronavirus detectado nas instalacións do hospital Arquitecto Marcide xa afecta a 15 persoas entre auxiliares, enfermeiras e limpadores da sétima planta do complexo.

Os contaxios producíronse precisamente na planta que o centro hospitalario de Ferrol ten reservada para as doentes da Covid-19. Segundo os datos cos que conta até o momento a Consellaría de Sanidade, en concreto hai 13 enfermeiras e auxiliares de enfermería infectadas, así como dous persoas que pertencen ao servizo de limpeza.

Estes últimos están ligados á empresa Ferrovial, que é a que se encarga das tarefas de desinfección do Marcide, hospital de referencia para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

As autoridades sanitarias concretaron que, tras descubrir o gromo, realizáronse probas PCR a todas e todos os profesionais desa área e os positivos están a gardar corentena nas súas casas.

Ademais, as e os pacientes continúan a ser atendidos con normalidade pois se substituíron esas baixas.

Unha das posíbeis explicacións para este contaxio tan amplo é que, segundo fontes consultadas por Europa Press, o persoal sanitario ten que aumentar o tempo de estancia nas habitacións das doentes por mor da presión asistencial e da complicación nos casos que chegan a requirir ingreso.

A nivel global, esta segunda feira hai 61 pacientes co virus sendo atendidas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF). Delas medio cento está en planta e hai 11 baixo vixilancia constante na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).