Crece a fame en tempos de pandemia

Voluntarios do Banco de Alimentos de Vigo organiza os lotes de produtos recibidos para a súa entrega semanal.
O aumento da pobreza volve pór a proba a solidariedade da poboación e das entidades sociais, as primeiras en asumir unha responsabilidade asistencial competencia das Administracións. 

A pobreza e a exclusión social foron a máis no ano anterior á Covid-19, que veu agravar, sobre todo, a situación dos colectivos máis magoados: mulleres, crianzas e xente moza. Segundo recolle o informe Estado da pobreza na Galiza 2020, 655.000 persoas estaban en situación de pobreza ou exclusión social o ano pasado, 32.698 máis que en 2018. 

A taxa de risco de pobreza e exclusión social -AROPE, polas súas siglas en inglés, At Risk Of Poverty and/or Exclusion- ascendeu en 2019 na Galiza até 24,3%, 1,3 puntos máis que o ano anterior. Na mesma liña, aumentou o número de persoas en pobreza severa até as 212.000, o que significa que 7,9% da poboación galega tivo ingresos inferiores a 500 euros ao mes en fogares dunha soa persoa, de 1.051 euros mensuais en fogares de dous adultos e dous menores de 14 anos ou de menos de 951 euros en fogares monoparentais nos que a persoa adulta -en 80% dos casos unha muller- coida de tres menores.

A deterioración da calidade de vida das persoas, advirten desde a Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN Galiza) integrada por 140 entidades sociais de todo o territorio, é unha evidencia que se observa non só a través do empeoramento da taxa de pobreza severa senón tamén a partir doutros indicadores como a privación material severa ou a pertenza a fogares con baixa intensidade laboral.

Peor calidade de vida

A chegada da Covid-19 acabou de agravar unha situación difícil para moitos colectivos golpeados polo empeoramento das súas carencias. Os que xa estaban na pobreza, especialmente mulleres, nenos e nenas, mozos e mozas, agora viven momentos de maior necesidade, "pero tamén estamos vendo en apuros colectivos e persoas contaban con ingresos máis baixos, con traballos precarios ou que estaban na economía informal e que agora se quedaron sen ingresos", explican a Nós Diario.

A maiores, alertan desde a Rede Galega Contra a Pobreza, a pandemia está afectando moito a aquelas persoas con outros factores de exclusión. "Discapacidade, violencia machista, prostitución, dependencia, familias monoparentais, poboación rural, migrante. Cando entra en xogo algunha circunstancia engadida, a situación empeora notabelmente".

Crecen as colas da fame

As denominadas colas da fame, máis frecuentes e extensas desde a aparición do novo coronavirus convertéronse na proba gráfica das consecuencias sociais e económicas da deterioración da saúde pública. "Hai un paralelismo evidente", sinala Pedro Pereira, presidente do Banco de Alimentos de Vigo en conversa con este xornal. "A segunda onda da pandemia volveu incidir de cheo sobre a sociedade galega. Moitos negocios pequenos víronse na obriga de fechar mentres outros resisten entre perdas económicas e laborais". Ese efecto, di, trasládase de inmediato "ás portas das organizacións que estamos para axudar a quen peor o pasa", salienta.

No que vai de ano, o Banco de Alimentos de Vigo incrementou a súa demanda un 40%. "E os prognósticos son pouco alentadores, porque por moito que se vaia aclarando no horizonte unha forma de atallar a pandemia, o impacto económico da vacina vai tardar en chegar ao seo das familias", indica Pereira.

A solidariedade ao rescate

Os bancos de alimentos buscan prover de alimentos básicos as familias que máis dificultades atravesan co fin de que poidan seguir pagando os recibos da auga, da luz e do aluguer. "Nós poñemos a comida para que poidan dispor do pouco que teñen e non queden sen teito", destaca Amadora Núñez, presidenta do Banco de Alimentos de Lugo

Na actualidade, atende unhas 1.500 familias do contorno da capital, da Mariña e de Monforte de Lemos, o dobre que hai un ano. "Cada semana repartimos unhas 20 toneladas de alimentos que nós nos encargamos de xuntar e almacenar. Mais o repartimento facémolo en colaboración con outras organizacións sociais e non gobernamentais, xa que non nos corresponde nós", explica. 

A entrega dos lotes ten lugar cada terza feira. "Contamos con voluntarios da Galiza, de Cuba, da República Dominicana, de Marrocos, mesmo de campos de refuxiados de Siria". Colaboran na recepción dos lotes de alimentos, na elaboración dos paquetes e na repartición final. "A da semana que vén está asegurada. É a única certeza que temos, ademais do compromiso de que nos farán chegar máis produtos, procedentes tanto de particulares como de empresas e superficies comerciais".

Abuso do voluntariado

Desde a Rede Galega Contra a Pobreza apuntan un "abuso" por parte de Concellos e Servizos Sociais do voluntariado e das persoas doadoras de alimentos. "Por non facer o seu traballo de inclusión social e de loita efectiva contra a pobreza, acaban cedendo unha responsabilidade inxusta para quen asume". Ante este exceso contrapoñen unha das iniciativas que lograron sacar adiante desde o seu colectivo. "Conseguimos que a Xunta puxese en marcha a tarxeta moedeiro básica, que sen ter todo o impacto que debería está funcionando moi ben porque concentra todo o sistema de repartición de alimentos, que ten unha compoñente de estigmatización das persoas, nunha tarxeta que permite a calquera familia facer a súa compra nunha tenda ou supermercado". 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]