As aulas universitarias galegas comezarán o curso ao 50% para evitar contaxios

Probas de selectividade nunha aula da USC. (Foto: Arxina)

As tres institucións académicas e a Xunta acordaron unha batería de medidas para reducir ao máximo o risco epidemiolóxico, retomar a presencialidade e volver de forma progresiva á normalidade.

As tres universidades queren que haxa presencialidade nos sete campus galegos no próximo curso e, por iso, veñen de pactar coa Xunta unha serie de medidas de seguridade fronte á Covid-19 que confían en ter como aliadas nun avance progresivo cara a normalidade.

Entre as instrucións máis destacábeis está que se permitirá a semipresencialidade, pois as aulas só poderán estar ao 50% da súa capacidade. Este será o caso daquelas instalacións con bancadas fixas, onde deberá haber un espazo entre estudantes.

Así mesmo, a separación entre alumnas terá que ser dun mínimo de 1,2 metros para cumprir coa distancia de seguridade cando o mobiliario poda moverse.

En consecuencia, cando haxa grupos moi numerosos haberá que estabelecer algunha fórmula de rotación. “Nestes casos é preferíbel empregar aulas espello ou docencia telemática simultánea e, desta maneira, evitar concentracións elevadas nun único espazo”, recolle o texto.

O obxectivo da norma acordada nesta sexta feira é quer “manter uns requisitos mínimos que garantan a calidade da docencia”, quer dispor “das medidas de control e prevención sanitaria para un período de transición entre a situación de presencialidade adaptada durante o curso 2020-21 e a situación de normalidade adaptada que se prevé para o curso 2021-22".

Plans adaptados a cada escenario

É dicir, o novo ano lectivo concíbese como un momento de adaptación cara o futuro, sobre todo no caso do primeiro cuadrimestre. De feito, dado o incremento dos contaxios nos últimos días, vai haber varias rutas a seguir segundo sexa a realidade no momento de regresar ás clases.

Ese plan de continxencia, que se distribuirá entre o profesorado, incorpora escenarios alternativos no caso de gromos localizados, de peches perimetrais de determinados lugares, entre outras situacións.

Esta folla de ruta para as clases tamén vai afectar ás prácticas no caso de que sexa preciso. A Axencia de Coñecemento en Saúde fixará os criterios de priorización dos diferentes colectivos que opten ás prácticas clínicas.

No resto de tipos de prácticas cuxo desenvolvemento se puidese ver afectado polos efectos da pandemia, estas poderanse substituír por outro tipo de actividades que garantan a adquisición das competencias e capacidades esixidas.