A auga de Foz volve a non ser apta para o consumo

A baixada do nivel do río Ouro podería estar detrás da acumulación de halometanos na traída. (Foto: Nós Diario)

A baixada do nivel do río Ouro e o aumento da poboación durante o verán estarían detrás da acumulación de halometanos na traída

O alcalde de Foz (A Mariña), Francisco Cajoto, estimou que a recomendación de non consumir auga da traída municipal manterase "como mínimo" ao longo dos próximos días.

O pasado sábado, o goberno local de Foz decidiu reactivar a recomendación que xa realizou a comezos do mes de agosto despois de que os resultados dunha analítica revelaran niveis de halometanos por riba do 100 mg/L permitido.

Ante o requirimento da Consellaría de Sanidade, o concello emitiu un novo aviso á poboación para que evite o consumo de auga para beber e cociñar alimentos en todo o municipio coa excepción do núcleo de Cordido, que conta cun sistema de traída independente.

O rexedor de Foz insistiu esta segunda feira, 28 de agosto, en que "non existe risco para a saúde" pero que, por precaución, recomendan non consumir auga, directriz que se manterá ao longo desta semana.

O concello, que atribúe os problemas na calidade da auga á baixada do nivel do río Ouro e ao aumento da poboación no municipio durante a tempada estival, sinala a adopción de medidas para axustar a aplicación de peróxido de nitróxeno.

Cajoto tamén remarcou que o Goberno traballa na substitución dos filtros da estación potabilizadora e proxecta "a medio prazo" a remodelación da estación depuradora para mellorar as súas capacidade de tratamento de augas.