O auditorio de Ourense quedará nas mans privadas do "show business"

Representantes do sector cultural de Ourense reuníronse para tratar a privatización do auditorio (Foto: Nós Diario)
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, vén de aprobar o inicio dos trámites administrativos para proceder á privatización do auditorio municipal. A iniciativa, rexeitada polo resto dos grupos da corporación e polo sector cultural da cidade, entregará o espazo aos empresarios do ‘show business’.
 

Os salóns do Liceo de Ourense acolleron esta segunda feira, 5 de abril. unha xuntanza de representantes do tecido social e cultural da cidade para analizar a decisión de proceder á privatización do auditorio municipal. O encontro, xurdido a raíz dunha convocatoria pública do BNG, serviu para testar a preocupación sobre esta proposta do equipo do alcalde Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá). A reunión realizouse o mesmo día en que a Xunta de Goberno local acordou contratar un estudo sobre a viabilidade económica dos diferentes espazos do edificio como “requisito previo á licitación” da privatización da xestión.

A proposta de Jácome estabelece un cambio no modelo de xestión do espazo e na orientación da programación. Así, nun comunicado feito público polo alcalde, afírmase que “o Auditorio será explotado por profesionais auténticos da industria do entretemento ou show business”, asegúrase que “o público que asistirá ao auditorio pasará a ser maioritario e variado, no canto de minoritario e repetido” e ponse como exemplo o modelo de Madrid, onde “até os Teatros del Canal, da comunidade autónoma, están tamén externalizados”.

‘Show business’

“O auditorio terá unha explotación profesional, tanto técnica como artística, e ofrecerá dous servizos: un para cubrir as necesidades municipais e as programacións do Concello e outro con programacións por iniciativa propia, con eventos culturais do show business que deberán adaptarse aos gustos e aos tempos da cidadanía e non aos dos programadores ou desexos dos provedores”, sinala o rexedor de Ourense, quen destaca que a proposta “revitalizará a zona dándolle servizo a usuarios da biblioteca e das actividades do auditorio”.

A iniciativa foi rexeitada por todos os grupos da corporación, agás Democracia Ourensá, porén a competencia da decisión correspóndelle á Xunta de Goberno, composta na súa totalidade por membros da formación de Jácome. A este respecto, o portavoz do PP, Jesús Vázquez, indicou que “non estamos a favor de externalizar o auditorio porque o modelo que temos funciona e funciona moi ben. É un modelo eficiente con xente de moita valía ao servizo de programación e atención”. 

Os socialistas cualificaron a proposta como “un espolio ao patrimonio” e definiron o rexedor de "ignorante”. O voceiro do BNG, Luís Seara, sinalou que esta iniciativa “é unha evidencia máis da estratexia, desmantelamento e privatización da cultura. Estratexia encetada no seu día coa eliminación das máis importantes referencias culturais e continuada co baleirado dos espazos culturais como a sala Valente ou o Museo”. Precisamente, a mobilización do tecido cultural da cidade e a negativa do Goberno do Estado obrigou Jácome a retirar a súa proposta de cambio de usos para o centro José Ángel Valente.

Unha axenda ideolóxica

“Esta xente ten unha ideoloxía e quere aplicala”, afirma a Nós Diario Xosé Lois Vázquez, fotógrafo, deseñador e un histórico do activismo cultural na cidade, quen considera esta proposta “coherente co programa de Jácome, que tenta impor unha oferta cultural cunhas directrices ideolóxicas claras”. Segundo Vázquez, o Goberno local trata de “blindar ideoloxicamente a programación cultural e promover un tipo de actividade cultural en español. Jácome ten dúas teimas: os programadores culturais e a lingua. Contra o galego é visceral”. “Este modelo xa procede do anterior alcalde do PP”, continúa Vázquez, quen lembra que “Baltar tamén tentou privatizar o centro Marcos Valcárcel”.

“Este modelo vén desde hai anos, non é de agora”, salienta a Nós Diario Fernando Dacosta, membro da compañía ourensá Sarabela Teatro, quen recorda “a baixada de orzamentos para diversos proxectos culturais ou a retirada das axudas públicas, como aconteceu co Festival Porta do Paraíso”.

Na anterior lexislatura Jesús Vázquez deixou caer o Outono Fotográfico, a mostra de fotografía de máis relevo do país. Pola súa banda, Pérez Jácome retirou o seu apoio económico ao Festival Internacional de Música Porta do Paraíso e puxo en risco a continuidade da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.