A Audiencia reabre a instrución para investigar o borrado de datos no sinistro de Angrois

(@gzcontrainfo)
Audiencia Provincial da Coruña decidiu a reapertura da instrución para que o xuíz investigue a denuncia dun ex traballador que asegura que responsábeis de Talgo ordenaron o borrado de datos sobre avarías do tren pasadas escasas horas do sinistro.

A Audiencia Provincial da Coruña decidiu a reapertura da instrución sobre o accidente do tren Alvia de 24 de xullo de 2013 en Angrois para que o xuíz investigue a denuncia dun ex traballador que asegura que responsábeis de Talgo ordenaron o borrado de datos sobre avarías do tren pasadas escasas horas do sinistro.

Así se pronuncian os maxistrados nun auto ao que tivo acceso Europa Press. A sala considera, en concreto, que "resulta ineludíbel investigar os feitos expostos" pola plataforma de vítimas, "tanto polo que se refire á suposta destrución de probas como á situación en que se achaba o tren e a súa posíbel relación co accidente, que foi un dos obxectos principais da investigación".

Volta ás dilixencias

"Iso determina necesariamente a volta das actuacións á fase de dilixencias previas para que coa máxima celeridade posíbel se depuren estes feitos", afirman os maxistrados.

Deste xeito, transcorridos xa máis de seis anos do accidente, que deixou 80 mortos e 144 feridos na curva da Grandeira, o titular do xulgado de instrución número 3 compostelán deberá indagar sobre estes feitos.

Até o momento, estaban imputadas dúas persoas: o maquinista do convoi, que aquel día circulaba cun exceso de velocidade após atender unha chamada do interventor; e o ex director de seguridade na circulación de Adif, ao que o instrutor atribúe a responsabilidade dunha avaliación de riscos deficiente na liña.