A Audiencia de Pontevedra confirma prisión para o comprador de Hiperxel

Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)
Eusebio Novas finxía compravenda de peixe para obter devolucións de IVE

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, confirmou a pena de até 31 meses de prisión para o comprador da cadea de distribución de conxelados Hiperxel, aínda que lle reduciu a multa para pagar até os 18.750 euros.

Así se desprende do auto do 31 de xullo da Audiencia, que foi notificado onte, no cal os maxistrados estiman parcialmente o recurso de apelación interposto por Eusebio Novas, baixando a multa por un delito contra a Facenda Pública en grao de tentativa de 25.000 euros a 18.750 euros. Con todo, mantén o resto de sancións.

En concreto, tal como ditou o xulgado do Penal número 2 de Vigo no mes de marzo, o empresario foi condenado a nove meses de prisión polo delito contra a Facenda Pública en grao de tentativa, mentres que se lle impuxeron 22 meses de cárcere por outro delito continuado de falsidade en documento mercantil.

Finxía compravenda de peixe

Novas finxía a compravenda de peixe para obter devolucións do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) que non lle correspondían. Todo iso despois de que a sociedade Ucablobal, controlada polo empresario e dedicada á subministración de equipos para barcos, comezara unha nova actividade finxindo tamén a compravenda de peixe e "emitindo e recibindo facturas que non se corresponden a ningunha actividade real", segundo recolle a sentenza.

Eusebio Novas tamén estaría detrás de Conxelados Cíes, que adquiriu Conxelados Hiperxel a Iberconsa e, en poucos meses, comezarían os problemas que levaron a firma á falta de pagamento aos seus empregados e, finalmente, a un concurso voluntario de acredores.