Xustiza

A Audiencia Nacional pide explicacións a Moncloa pola partida do buque que inspeccionará o 'Pitanxo' sen a súa autorización

O 'Ártabro', buque que inspeccionará os restos do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
"Ao parecer, partiu o buque, cun só perito xudicial, sen expresa autorización deste xulgado, prescindindo total e absolutamente de cantos extremos e circunstancias apuntaba o oficio", lamenta o xuíz Ismael Moreno, que exixe con urxencia esta información ao Goberno español.

A Audiencia Nacional emitiu esta segunda feira unha providencia na que pediu explicacións ao Goberno español sobre por que partiu o barco que inspeccionará o pecio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, o buque Ártabro, sen a súa "expresa autorización". O xuíz Ismael Moreno, que investiga a causa, requiriu a través de dous oficios enviados aos máximos responsábeis da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) e da Subdirección Xeral de Administración e Xestión Financeira que se informe "urxentemente" ao xulgado das razóns polas que "non se deu cumprimento ao ordenado nas instrucións claras e precisas" acordadas o pasado 8 de maio e reiteradas o día 17.

Por iso, o maxistrado pide explicacións dado que, segundo recolle na providencia, non se deu cumprimento ao que el ordenou, engadindo que "ao parecer, partiu o buque, cun só perito xudicial, sen expresa autorización deste xulgado, prescindindo total e absolutamente de cantos extremos e circunstancias apuntaba o oficio".

Moreno pretende así confirmar se efectivamente o buque partiu —como informaron desde Moncloa xa a pasada cuarta feira á prensa— e se a bordo viaxa algún dos peritos xudiciais designados —o Executivo indicou que ía un—. Tamén solicita coñecer o itinerario, as datas de realización dos traballos e as medidas que se adoptarán para garantir a presenza física dos dous peritos xudiciais necesarios.

"Peritos estes que serán quen deben emitir o correspondente informe pericial e presentalo ante este xulgado", engadiu o maxistrado. Así mesmo, tamén puxo en dúbida as datas de envío de información do Goberno, que asegurou que mandara a documentación o 10 de maio, pero que non foi recibida até o 17 de maio, cando está datada.

"Disparate e despropósito"

Ante esta situación, as familias dos 21 falecidos no naufraxio lamentaron unha vez máis a actitude do Executivo estatal, criticando a "desobediencia" da Administración ao xuíz. Con todo, a portavoz dos familiares, María José de Pazo, confiou en que esta providencia permita "reconducir a situación", solicitando que os responsábeis destas accións "digan algo" ante tal "disparate e despropósito" por desobedecer o xuíz que leva a investigación.

O buque Ártabro, que inspeccionará o pecio do Pitanxo, partiu do porto de Vigo á primeira hora da tarde da pasada cuarta feira, a pesar das advertencias das familias e do maxistrado da Audiencia Nacional, que sinalou que debía ser o xulgado o que coordine a operación.

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos iniciaron unha serie de accións para tratar de esclarecer os feitos, polo que sempre pediron que se baixase ao pecio para atopar probas do que puido ocorrer.