A Audiencia nacional española suspende cautelarmente a saída de Hassanna Aalia

Hassanna Aalia

O tribunal admite a trámite o recurso presentado polo cidadán sahariano.

 

A Audiencia Nacional española comunicou este sábado ao cidadán sahariano Hassanna Aalia que admite a trámite o recurso interposto contra a denegación do seu asilo político e que impón como medida cautelar a suspensión da orde de saída ditada polo Ministerio de Interior español. 

Até a resolución firme do seu caso, Aalia poderá permanecer legalmente en territorio estatal. 

Hassanna Aalia solicitou en 2014 asilo político no Estado español após ser condenado por un tribunal militar marroquino a cadea perpetua (en 2013). Aalia xa fora condenado por participar no campamento Gdeim Izik a 4 meses de prisión que non tivera que cumprir. Após un segundo xulgamento en rebeldía --o activista sahariano moraba en 2013 en Euskal Herria, a onde viaxou para cursar estudos académicos--  Marrocos exixe o cumprimento dunha condena que o levaría a permanecer privado de liberdade polo resto da súa vida. 

Numerosas organizacións internacionais e de dereitos humanos denunciaron a falta de garantías do proceso xudicial e a violación dos dereitos fundamentais d@s 25 activistas saharian@s condenad@s por Gdeim Izik. Asemade, Hassanna Aalia denunciou en diversas ocasións ter sido torturado en sucesivas detencións. 

"Se volvo [a Marrocos] para comezar agárdame unha cadea perpetua. Mais antes, agárdanme todo tipo de torturas", sinalaba Aalia na entrevista concedida a Sermos Galiza con motivo da súa visita ao noso país no mes de febreiro.