A Audiencia Nacional ordena a demolición da presa Pé de Viña situada no río Eo

A presa Pé de Viña no río Eo, á altura do concello de Trabada. (Foto: Ríos con Vida).
Enel Green Power SL, a empresa concesionaria, ten seis meses para proceder ao derrubamento.

A Audiencia Nacional vén de ditar unha sentenza na cal se ditamina a demolición da presa Pé de Viña do río Eo en Trabada (comarca da Mariña). Así, resolveu que a empresa concesionaria, Enel Green Power España SL, pertencente a Endesa, deberá "proceder á demolición e adecuación paisaxística de todas as infraestruturas actuais da presa".

Para esta actuación, o tribunal estabelece un prazo de seis meses desde a recepción da notificación por parte da empresa. 

Desde a asociación ecoloxista Ríos con Vida, sinalan que a "eliminación do devandito obstáculo beneficiaría varias especies presentes no leito do río (algunhas delas protexidas), ademais de mellorar o hábitat fluvial a nivel xeral".

Tamén censuran as pretensións de Enel Green Power, que chegou a afirmar nun comunicado após o coñecemento da sentenza que se trata "dunha presa que ten máis de 100 anos de antigüidade, polo que a natureza tivo máis dun século para adaptarse a ela. Os trastornos carrexados pola demolición causarían, en xeral, máis mal que ben".

"Valoración positiva"

En declaracións a Nós Diario, Roi Cuba, presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), valora "moi positivamente esta sentenza xudicial que refenda a lei que, por fin, está apostando pola demolición deste tipo de barreiras nos ríos". Cuba salienta ademais a "necesidade da posta en valor  dos hábitats e especies que hai nos nosos ríos".

Acerca do valor ambiental que posúe o río Eo, o presidente de Adega manifesta que "o Eo é un río ao cal acceden peixes migratorios como o salmón ou a lamprea. Por causa da presa, os salmóns teñen moi difícil remontar o río e para a lamprea é directamente imposíbel".

Entre os beneficios que, segundo Cuba, vai causar a demolición do encoro están "a xeración de flora río arriba, melloras para a pesca río abaixo e mesmo creación de novas praias. Nós, como ecoloxistas, non podemos estar máis a favor deste tipo de demolicións".