Xustiza

A Audiencia Nacional confirma a existencia dun cártel lácteo

Vacas nunha gandaría de lácteo na parroquia de Piñeiro, en Xermade (comarca da Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Audiencia Nacional considera acreditada a "existencia de intercambios de información sobre prezos e outras condicións comerciais" entre empresas competidoras do sector. O Tribunal ratifica multas por valor de 28 millóns.

A Sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional ve probada a existencia dun cártel do leite e confirmou esta cuarta feira a resolución da Comisión Nacional de Mercados da Competencia (CNMC) de xullo de 2019 que considerou que oito empresas lácteas, entre as que figuran Pascual, Danone, Lactalis ou Nestlé, entre outras, e dúas asociacións, formaron un cártel para intercambiar información comercial sensíbel para coordinar a compra de leite no Estado español. 

"Estamos satisfeitos porque se confirma o que viñamos denunciando: a existencia do cártel do leite e que as empresas responsábeis deben ser sancionadas", valora a Nós Diario Ramón Barreiro, do equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego (SLG). Tamén desde Unións Agrarias, Roberto García, avanzou que os servizos xurídicos da organización presentarán demandas en nome de 5.000 gandeiros para reclamar as indemnizacións correspondentes. 

En concreto, a Audiencia Nacional ditou nove sentenzas, confirmando as multas de 8,5 millóns de euros impostas a Calidad Pascual; de 53.310 euros a Central Lechera Galicia; de 11,6 millóns a Nestlé e de 929.644 euros a Schreiber Food España, segundo consta nos diferentes autos. Respecto a estas sancións, a Sala rexeitou o argumento das empresas, que recorreran a sentenza, e considerou que "están motivadas e non resultan desproporcionadas", porque se atopan por baixo da media do tipo sancionador máximo.

Recursos estimados de maneira parcial

O tribunal estimou parcialmente o recurso presentado por Comercial Alimentaria Peñasanta, á que se lle impuxera unha multa de 21,8 millóns de euros; Danone, con 20,2 millóns de euros; Industrias Lácteas Granada (Puleva), sancionada con 10,2 millóns de euros; e Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), tras entender a Sala "que algúns dos períodos investigados están prescritos". 

A Sala instou a Competencia a recalcular estas multas tendo en conta os períodos que se consideran prescritos para cada unha delas, mentres que no caso de Aelga, o Tribunal confirma que participou no cártel, pero anulou a multa de 60.000 euros "por falta de motivación". As sentenzas confirman as sancións por infracción "moi grave" cometida polas empresas investigadas entre 2000 e 2013.

A Audiencia Nacional considera acreditada a "existencia de intercambios de información sobre prezos e outras condicións comerciais" entre empresas competidoras do sector, así como contactos sobre prezos e outras condicións comerciais por parte destas compañías, a través das dúas asociacións investigadas, as máis representativas. 

Controlar o mercado

Tamén ve acreditado os contactos sobre gandeiros co fin de informar ou acordar estratexias, así como os intercambios de información sobre excedentes de leite para a xestión dos mesmos. A proba analizada pon de manifesto que ao longo do período infractor, as empresas co intercambio de información reduciron o nivel de incerteza entre elas, coa conseguinte diminución da competencia e do poder de negociación dos gandeiros para controlar o mercado de aprovisionamento de leite cru de vaca, que segundo recolle o auto, "configura a infracción única e continuada", á marxe de que non todas as empresas participaran en todas as condutas.