O investigado debe comparecer semanalmente no xulgado

A Audiencia da Coruña deixa en liberdade o último detido polo asasinato de Samuel

Un dos investigados polo asasinato conducido ao xulgado para declarar. Foto: Europa Press

O procedemento aberto polo asasinato homófobo de Samuel Luiz dá unha nova volta, tras decidir o xulgado da Coruña que instrúe a causa a posta en liberdade do último investigado detido.

A Audiencia da Coruña estimou o recurso de apelación presentado pola defensa do último detido polo asasinato de Samuel Luiz, A. M. R., e decidiu deixalo en liberdade ao entender que “non existen motivos” neste momento procesual para manter a prisión provisional.

O tribunal impúxolle ao arrestado, que segue como investigado na causa, a obrigación de comparecer cada semana e cantas veces fose chamado perante o xulgado que tramita a causa, así como a prohibición de abandonar o territorio estatal.

Con esta detención, pola morte de Samuel Luiz foron sete os arrestados, cinco adultos e dous menores

Neste sentido, acordou a retención do seu pasaporte ou, no caso de que non dispoña dese documento, a prohibición de que se lle expida, de acordo coa decisión adoptada.

A Sección Primeira da Audiencia Provincial adiantou esta terza feira o fallo ás partes, o que supón a inmediata posta en liberdade do investigado.

Con esta detención, pola morte de Samuel Luiz, na madrugada de 3 de xullo á saída dun local de lecer nocturno na Coruña e cando estaba a realizar unha videochamada cunha amiga, son sete os arrestados, cinco adultos e dous menores.

Dos primeiros, tres seguen en prisión, mentres que á única moza, en liberdade con cargos e con comparecencias nos xulgados, súmase agora A. M. R. tras a decisión adoptada sobre a súa posta en liberdade.